660 millóns de euros menos para ensino desde 2009

A CIG-Ensino denuncia os cortes orzamentarios que pretende aprobar o executivo galego ao ensino público. Aliás denuncia que as reducións supoñen o dobre que as aplicadas á escola privado-concertada.

 

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao denunciou esta cuarta feira que o anteproxecto de lei presentado polo goberno de Alberto Núñez Feijóo para os Orzamentos 2013 supón "unha aposta polo ensino privado concertado" e a "liquidación do público". Desde o sindicato nacionalista consideran que o trasvase de máis de 200 millóns de euros que prevé aprobar o actual executivo galego constitúe unha redución de apenas o 3% no ensino privado, fronte ao 6,63% que prevé ser recortado ás escolas públicas. Neste senso, Louzao considerou que os Orzamentos presentados reflicten o "reforzamento da privatización" que o Partido Popular está a desenvolver desde a súa chegada á Xunta de Galiza.

Así mesmo, considerou "intolerábel" o aumento dun 5,8% dos fondos públicos destinados á FP privada-concertada, entrementres se continúan a pechar unidades de ensino no rural ou se lle diminúe o "salario ao profesorado", apuntou o secretario nacional da CIG-Ensino.

Desde 2009, "a redución que experimentaron os orzamentos da Consellaría de Educación é asombrosa", subliñaron en comparecencia de imprensa desde o sindicato nacionalista, indicando que a redución padecida no ensino público desde entón suma xa máis de 600 millóns de euros. Para a CIG-Ensino estes orzamentos "encádranse na política neoliberal que o PP está aplicando aos servizos públicos" e alertaron do "perigo" que isto supón para "un dereito universal" como a educación.