70% da Atención Primaria é a distancia e 1.000 prazas vacantes de persoal médico están sen cubrir nos centros de saúde da Galiza

Porta de acceso a un centro sanitario de Atención Primaria. (Foto: Europa Press)
A asistencia presencial en Atención Primaria continúa confinada. Malia o alivio das restricións fronte á pandemia noutras esferas sociais e os problemas xerados na calidade asistencial dos usuarios da sanidade pública, a Xunta da Galiza insiste en limitar a atención presencial nos centros de saúde.

70% da asistencia en Atención Primaria non é presencial”, sinala a Nós Diario, Manuel Martín, portavoz de SOS Sanidade Pública e médico no centro de saúde de Seixo, en Marín. Afirma que “toda a prestación debe ser presencial, agás unha serie de servizos máis de carácter administrativo que se poden prestar telefonicamente”. Considera que “estamos nunha situación moi complicada, con tempos de agarda en diferentes centros de saúde da Galiza de 14, 15 ou 19 días para que atendan unha consulta telefónica”.

“Non podemos permitir que os centros de saúde continúen fechados á poboación”, continúa Martín, lembrando que “podemos ir ao campo de fútbol ou a calquera outro espectáculo deportivo, aos bares, aos restaurantes, aos cinemas, en definitiva aos lugares onde se concentra a poboación gardando unhas certas medidas de seguridade e non podemos ir aos centros de saúde”. Para este médico, “a única explicación é que queren acabar coa Atención Primaria tal é como a coñecemos e convertela nunha sorte de filtro para certas persoas antes de pasalas a Atención Especializada”. 

“Non podemos permitir que os centros de saúde continúen fechados á poboación”, sinala Manuel Martín, médico e portavoz de SOS Sanidade Pública

A falla de medios humanos na Primaria vénse agudizando na última década como consecuencia das políticas de recortes aplicadas polas diversas administracións. “A falla de persoal é escandaloso”, destaca Martín, que recorda que “o Plan Mellora para a Atención Primaria estabelecía en 2007 a necesidade de 350 médicos máis, pero desde aquela fóronse producindo moitas vacantes que quedaron sen cubrir polas limitacións á contratación impostas pola taxa de reposición”.

A falla de persoal

A masificación en Atención Primaria está a provocar unha caída da calidade asistencial. Neste sentido, máis de 50% dos persoal médico de Primaria ten máis de 1.400 tarxetas de usuarios, unha ratio que supera todas as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS). Xosé María Dios denuncia esta situación e apunta a Nós Diario que “o problema básico é a falla de persoal e iso provoca a masificación”.

Dios, médico de familia no concello de Outes e secretario da Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública, culpa desta situación a “unha política de aforro que provoca unha mala calidade asistencial”. “Non é certo", sinala, "que non haxa médicos como nos repiten permanentemente". Aos últimos exames do MIR, recorda que se presentaron "14.000 licenciadas e licenciados en Medicina e só aprobaron a 6.300. polo que quedaron 8.000 profesionais fóra”, destaca Dios, que advirte de que “os médicos de Primaria son un colectivo moi envellecido, onde máis de 30% dos actualmente en activo estarán xubilados en cinco anos”.

As dificultades da Primaria na Galiza son de carácter estrutural e están asociadas á falla de compromiso investidor polo Goberno galego

En Atención Primaria hai aproximadamente 1.000 prazas vacantes de persoal médico sen cubrir. "As Ofertas Públicas de Emprego (OPE) da Xunta son absolutamente insuficientes xa que recollen para as anualidades de 2019, 2020 e 2021 un número de postos que non dá para atender as necesidades da área sanitaria de Vigo”, destaca Dios.

Os riscos

Os problemas xerados pola ausencia de atención presencial preocupan aos profesionais. Dios entende que “a atención das persoas doentes non se pode basear en consultas telefónicas ou telemáticas porque se perde a eficacia” e que “unha consulta telefónica non pode ser prioritaria senón complementaria”. Ademais, lembra as dificultades das persoas maiores para acceder ás novas tecnolóxicas  e mesmo a falta de habilidades como consecuencia da idade para o emprego de medios telefónicos, o que “pode provocar que queden directamente moitos sen atención sanitaria”.

As dificultades da Primaria na Galiza son de carácter estrutural e están asociadas á falla de compromiso investidor polo Goberno galego. Segundo a Estatística do Gasto Sanitario elaborada polo Ministerio de Sanidade en base á liquidación orzamentaria de 2018, a Galiza destina a Atención Primaria 182,3 euros por habitante, una contía que só se sitúa por diante de Madrid, con 147,97 euros por habitante e as Illes Balears con 178,38 euros por habitante

Os orzamentos galegos de 2018 dedican 454,4 millóns de euros á Atención Primaria. A cifra representa 11,29% do diñeiro destinado nas contas públicas ao mantemento do servizo sanitario. A porcentaxe significa un investimento tres puntos inferior á media estatal, situada en 14,2%, e fica moi afastada daqueles territorios cun gasto sanitario máis elevado. Sen ir máis lonxe, esta cifra en Andalucía acada o 17,45% do gasto sanitario total, en Castela- A Mancha está en 16,96%,  e en Estremadura chega a 15,75% .