760.917 contribuíntes da Galiza recuperan 482,53 millóns a após fechar a campaña da renda

Cada vez son menos as persoas que fan a declaración da renda de forma presencial nas oficinas da Axencia Tributaria (Foto: Europa Press).

O país galego rexistrou 1.425.462 declaracións, 3,35% máis que o ano anterior

A Axencia Tributaria devolveu case 482,53 millóns de euros a 760.917 contribuíntes na Galiza á conclusión da campaña de declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas de 2022 (IRPF 2022).

Desta forma, a día 3 de xullo, xa foi abonado 80,76% das devolucións solicitadas en número e 70,98% en importe na Galiza, cocientes similares aos do Estado español.

Ao feche de campaña presentáronse un total de 1.425.462 declaracións na Galiza, 22.889.000 no conxunto estatal, 3,35% máis e 3,9% máis que o ano anterior, respectivamente. En todo o Estado español, dous terzos (15.021.000) son con resultado a devolver e 6.384.000 con saldo a ingresar por importe de 16.751 millóns.

Imposto sobre o patrimonio: 1.229 millóns a ingresar

De forma paralela á Campaña da Renda decorreu tamén a correspondente ao Imposto sobre o Patrimonio, que debían declarar aqueles contribuíntes con cota a ingresar (após aplicar as correspondentes deducións e bonificacións), e tamén aqueles con cota a ingresar que o pasado ano contaban con bens e dereitos con valor superior aos dous millóns de euros.

Ao feche da campaña, a nivel estatal rexistráronse máis de 228.000 declaracións de Patrimonio, e o importe para ingresar alcanzou os 1.229 millóns de euros.

Dispárase máis de 20% a atención en oficinas

Atendendo ás vías de presentación das declaracións, o plan 'Chamámoslle' de realización de declaracións por teléfono mantense como principal sistema de presentación con asistencia personalizada con 1.070.000 declaracións, cifra moi similar á do ano pasado que representa case 58% de todas as presentacións realizadas con asistencia personalizada.

O resto correspóndense coas 779.000 declaracións presentadas nas oficinas,  20,1% máis que o ano previo nun contexto de retirada das restricións sanitarias.

Forte incremento no uso da aplicación móbil

De calquera forma, os contribuíntes maioritariamente seguen presentando a declaración da Renda por internet. Na campaña que agora conclúe presentáronse 21.039.000 declaracións por esta vía, 91,9% do total, das cales 20.514.000 a través da páxina web da Axencia, 3,1% máis que o ano anterior.

Esa cifra de presentacións por internet inclúe tamén as 525.100 declaracións presentadas mediante a aplicación móbil da Axencia, canle que este ano rexistrou un forte incremento de 23,6% nas presentacións.