83 persoas xulgadas na Galiza por delitos contra a liberdade sexual

Xulgados de Santiago (Foto: Nós Diario).
O TSXG espera un xulgado de violencia sobre a muller.

As audiencias da Galiza axuizaron o ano pasado case dúas persoas á semana por delitos relacionados coa liberdade sexual. Así se desprende da Memoria de Actividades do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) correspondente a 2023 que o organismo fixo pública esta segunda feira. 

En concreto, as audiencias galegas completaron o ano pasado 79 vistas por delitos contra a liberdade sexual, nas cales se axuizou 83 persoas, a gran maioría homes. En relación a estes casos, houbo un total de 88 vítimas, das cales 63,6% eran menores de idade e 89,7% tiñan unha relación previa cos acusados, case sempre do seu círculo familiar. Case o 78% dos axuizados foron condenados.

Segundo recolle a Memoria de Actividade de Xulgados e Tribunais 2023, ao longo do período analizado, os órganos da comunidade ingresaron 348.853 novos asuntos, o que supuxo un aumento de 4,7% con respecto a 2022.

A pesar deste incremento, mantiveron a súa capacidade de resolución, pois finalizaron 318.860 casos e rexistraron, a 31 de decembro, 196.211 asuntos en trámite, datos nos que tivo incidencia a folga de letrados da Administración de Xustiza e a do funcionariado.

Novas unidades

Ademais, ao longo de 2023 o Ministerio de Xustiza anunciou no marco da creación de unidades xudiciais unha praza de maxistrado na Audiencia da Coruña e outra na de Pontevedra, así como un novo xulgado de Primeira Instancia na cidade herculina.

Con todo, tal e como lembra na introdución da memoria o presidente do TSXG, José María Gómez e Díaz-Castroverde, desde a Sala de Goberno solicitáronse outras oito unidades xudiciais ademais de insistir na necesidade de crear un Xulgado de Violencia sobre a Muller en Compostela, con competencia comarcal tamén sobre Negreira, Padrón e Ribeira.