Saúde

A investigación e diagnóstico precoz marcan unha supervivencia de 85% ao cancro de mama

Perto dun millar de persoas rodearon o edificio da praza de Lugo na Coruña polo cancro de mama. (Foto: Nós Diario).
"Son anos de grandes avances no tratamento do cancro de mama e estamos logrando que as nosas pacientes vivan máis e mellor". Con motivo do Día Mundial do Cancro de Mama, especialistas en oncoloxía médica da Galiza reivindicaron os éxitos da investigación e reclamaron máis esforzos no diagnóstico e no apoio ás doentes.

Unha de cada oito galegas terá un cancro de mama nalgún momento da súa vida, segundo os cálculos da Sociedade Española de Oncoloxía Médica. É o tumor máis frecuente diagnosticado na muller. Este ano estiman que se diagnosticarán en todo o Estado uns 35.000 casos, máis de 2.200 na Galiza.

En concreto, de acordo cos datos da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), o ano pasado detectáronse 2.248 novos tumores. E aínda que nos últimos anos a mortalidade por esta patoloxía descendeu grazas aos programas de cribado e á mellora dos tratamentos, segue a ser a primeira causa de morte por cancro. Os cálculos das sociedades científicas apuntan que en 2023 falecerán unhas 6.000 mulleres no Estado a causa desta doenza, máis de 400 na Galiza.

Máis que unha cor

Con estas cifras moi presentes, profesionais da sanidade e da investigación sumáronse onte á conmemoración do Día Mundial do Cancro de Mama que pacientes e persoal voluntario da AECC levaron a cabo en distintas localidades do país.

Na Coruña, perto dun millar de persoas congregáronse na contorna da praza de Lugo para participar nunha Cadea Humana Solidaria baixo o lema 'O rosa é máis que unha cor'. "O rosa é detección precoz, investigación e apoio ás doentes", resume en conversa con Nós Diario Lourdes Silvoso, Coordinadora de Atención ao Paciente da AECC na Coruña. "É atención gratuíta ás persoas con cancro de mama; físico-sanitaria, psicolóxica e social. E é investigación en tumores complexos, como o cancro de mama metastásico, que conta cun peor prognóstico, cunha supervivencia de 25% a cinco anos, fronte o 85% que se alcanza nos cancros xerais.

Ningún tumor é igual a outro, lembra Silvoso, unha afirmación que cada vez máis repiten os especialistas ao tempo que avanza a medicina de precisión. A Galiza conta cunha estratexia propia no campo da oncoloxía, segundo salientou onte o conselleiro de Sanidade durante a súa visita á unidade de mama do Hospital Lucus Augusti de Lugo.

Precisión e prevención

"A Estratexia de Oncoloxía de Precisión vai permitir aos especialistas adoptar decisións terapéuticas personalizadas, adaptadas ás características moleculares de cada paciente", afirmou Julio García Comesaña, un obxectivo que fai que cada día sexan precisos novos biomarcadores para poder tratar de forma óptima cada persoa e cada tumor.

O titular de Sanidade sinalou, ademais, a necesidade de avanzar en prevención e detección precoz. O programa galego "atópase plenamente consolidado", dixo. Naceu hai 30 anos e neste tempo "permitiu que se fixeran máis de tres millóns de exploracións e se descubrisen perto de 11.000 cancros".

Este plan de cribado conta cunha participación de 80% e vén de ampliar a súa poboación albo. Desde o pasado mes de setembro as mulleres de 70 a 74 anos son parte dun programa que xa inclúe as de 50 a 69.