90.000 sinaturas para salvar o golfiño Manoliño
A plataforma en liña de peticións Change.org suma xa máis de 90.000 sinaturas para que a Consellaría de Medio Ambiente dea os pasos necesarios para activar un operativo que permita "un rescate seguro" do golfiño 'Manoliño', ferido cun arpón nas costas galegas.
A promotora desta campaña é a fotógrafa e activista pola liberación dos cetáceos Yasmín Rodríguez, que explica que "Manoliño é un golfiño moi coñecido e querido" e, "se non se fai algo rápido, a súa ferida pode infectarse e el pode morrer".
Rodríguez resalta que "varios mariñeiros aseguran ver o golfiño sen o arpón cravado". Deste modo, detallou que se está á espera de que se confirme "como está a ferida que presenta, que é o que pasou e se a outra parte metálica do arpón está dentro".
Nesta liña, a activista alerta que o golfiño "está a sufrir dores, aínda que os seus órganos vitais non están danados polo de agora". Aliás, advirte que "cada día que pasa a súa situación pode empeorar".
Yasmín Rodríguez precisa tamén que "hai outras organizacións locais e internacionais que están a seguir o caso e que ofreceron a súa axuda", e recalca que é preciso que a Consellaría pida o rescate porque "escapa da súa zona de responsabilidade".
"Manoliño está na súa casa e foi inxustamente 'arponeado' por un humano, e o mínimo que podemos facer é salvalo. Unha sinatura máis é un minuto menos de espera para el", sinala Rodríguez na petición.