99% das crianzas europeas teñen presenza nos seus corpos de substancias tóxicas, segundo un estudo

A contaminación é un factor de risco moi importante para as crianzas europeas (Foto: Europa Press).
Segundo o European Enviromental Bureau (EEB), que agrupa 180 organizacións ambientais europeas, a exposición xeneralizada da poboación europea a tantas substancias tóxicas, con frecuencia a concentracións que poñen en risco a saúde, é unha proba incuestionábel de fracaso da actual lexislación europea de substancias tóxicas.

A Iniciativa Europea de Biomonitorización Humana (HBM4EU) revelou o risco para a saúde que representa a "alarmantemente alta" exposición da poboación, en especial as crianzas, a numerosas substancias tóxica, xa que se demostrou, por exemplo, que 99% dos nenos analizados en diferentes países europeos teñen presenza nos seus corpos de retardantes de chama (substancias químicas que se adhiren a substancias como plásticos) daniños para a saúde.

Na Iniciativa, na cal estiveron traballando máis de cinco anos a Comisión Europea, a Axencia Europea de Medio Ambiente e institucións científicas de toda a UE, analizouse a presenza en sangue e ouriños de 18 dos grupos máis problemáticos de químicos nunha mostra representativa da poboación composta de máis de 13.000 persoas de 28 países europeos.

Nesta análise tamén se demostrou que hai unha exposición xeneralizada a fitalatos -unhas substancias tóxicas que poden ser moi daniñas- en nenos e adolescentes, ou que todos os mozos analizados teñen presenza nos seus corpos dos inquietantes PFAS (compostos perfluorados e polifluorados, coñecidos como "tóxicos eternos"). Ademais, en 92% dos europeos detectáronse bisfenoles preocupantes como o bisfenol A ou outros.

Segundo o European Enviromental Bureau (EEB), que agrupa 180 organizacións ambientais europeas, a exposición xeneralizada da poboación europea a tantas substancias tóxicas, con frecuencia a concentracións que poñen en risco a saúde, é unha proba incuestionábel de fracaso da actual lexislación europea de substancias tóxicas, en concreto da principal norma sobre o tema: o Regulamento REACH. Por iso o EEB pide a súa urxente reforma.

Con todo, segundo o director da iniciativa ‘Hogar sin Tóxicos’, Carlos de Prada, que colabora co EEB na difusión da problemática no Estado español, "a pesar da evidencia de que a actual lexislación da UE sobre contaminantes químicos ten enormes deficiencias á hora de protexer a saúde dos cidadáns, nestes momentos Bruxelas parece estar a se botar atrás no seu compromiso de prohibir en tempo e forma as substancias máis perigosas".

En 2020 a Comisión Europea anunciou o seu compromiso de prohibir as substancias tóxicas presentes en produtos de uso cotián, corrixindo algunhas graves deficiencias do Regulamento REACH. Con todo, tal e como se denuncia desde o EEB, as presións da industria química (singularmente a industria química alemá) lograron que a Comisión Europea incumpra seriamente as súas promesas formais.

A proposta de reforma, que debería ser presentada en 2022, atrasouse até o último trimestre de 2023, á vez que se van debilitando os seus ambiciosos obxectivos iniciais, por exemplo, en canto ao número de substancias a regular.

"Graves deficiencias"

Segundo detalla De Prada, entre as graves deficiencias da actual normativa REACH que deben ser corrixidas, e que levaron á situación comentada de desprotección da saúde, está a súa "extraordinaria lentitude que levou a que a maior parte das decenas de miles de substancias sintéticas que circulan pola UE estean sen regular adecuadamente".

Tamén, que se subestimen os riscos reais por non avaliar factores chave como o chamado "efecto cóctel", é dicir, non ter en conta algo tan evidente como que as persoas se expoñen sempre a complexas mesturas de substancias na vida real e non a substancias illadas. Con todo, "a regulación só avalía o risco de exporse a unha substancia illada cada vez". Cando, como afirma o director de Hogar sin Tóxicos, "sábese que substancias que illadamente parecen non producir un efecto poden ter un efecto infinitamente superior cando están xuntas".

Outro grave defecto da regulación europea que denuncia o EEB é que se estean autorizando infinidade de substancias baseándose sobre todo en discutíbeis datos de toxicidade que achegan os propios fabricantes, que con demasiada frecuencia remiten información deficiente ás autoridades.

Tamén, que se avalíe o risco das substancias unha a unha, permitindo a chamada "substitución lamentábel" pola que cando unha substancia se restrinxe ou prohibe é substituída por outra da súa mesma familia e menos estudada, que finalmente acaba tendo efectos nocivos similares.

Algo que, como comenta o director de Hogar sin Tóxicos, debe corrixirse "prohibindo as substancias non una a unha senón por grupos de substancias que se sabe que poden ter o mesmo tipo de efectos". Para Carlos de Prada, un motivo de especial preocupación é que "algunhas das substancias analizadas en HBM4EU atopáronse en maior medida nos nenos, que son máis vulnerábeis".