A banca bota da casa 50 persoas ao día

Protesta contra un desafiuzamento en Ferrol
O Consello xeral do poder xudicial contabiliza ao día 17 desafiuzamentos na Galiza, o que suporía unhas 50 persoas. Estímase que cada un afecta, de media, tres persoas. Entrementres os datos do goberno español din que no país hai 38 mil vivendas sen estrear

 

As oficinas do BBVA no barrio compostelán de Conxo, recibiron unha mañá desta semana unha visita coa cal non contaban. Ducias de persoas bloquearon a entrada para protestaren pola intención do banco de deixar a R.V. e P.L sen a casa que partillan coa nai del. Persoas vinculadas en Compostela ao colectivo cidadán Stop-desafiuzamentos, intentaran xa antes negociar co banco, exixindo a dación en pagamento e a condonación da débeda. Non tiveron éxito. Antes que el@s, a propia familia sentou xa na mesa do director da sucursal. Propuxeron "empezar de cero porque a miña muller atopara uns traballos esporádicos e podiamos ir pagando a hipoteca", explica R.V.

O banco aceptou. Cando a familia se dispuxo a facer o primeiro ingreso despois dun ano, o BBVA acordou e reclamoulles as cantidades atrasadas, con intereses. Accederon ao inmóbel a través dunha cooperativa de vivenda —en réxime de protección—, polo que P.L. e R.V. tiñan que afrontar a metade dos 500€ do crédito contraído. "É indignante", responde R.V. ao lle preguntar pola situación en que se atopa, convencido de que "teñen o piso vendido e non queren que nós sigamos alí". Porén, a protesta desta semana non caeu en saco roto. Após outra xuntanza mantida entre activistas de Stop-desafiuzamentos e o banco, desta volta co director substituto, este mostrouse disposto a negociar. "Chamaron a familia para unha reunión na vindeira terza feira", conta María, integrante do colectivo cidadán. Con todo, lonxe da empatía da entidade bancaria ou de que esta "perciba como xustas as nosas demandas", o motivo de tal receptividade é outra: o BBVA está preocupado pola súa imaxe.

Debullamos polo miúdo o caso desta familia compostelá, porque xunta todos os ingredientes da maior parte dos 10 mil desafiuzamentos con que Galiza fechará o ano, segundo os datos do Consello xeral do poder xudicial. Di o goberno español que no noso país hai 38 mil inmóbeis que aínda esperan para seren estreados, mais cada día 50 persoas quedan sen casa por non poderen facer fronte á hipoteca. As entidades bancarias executan 17 desafiuzamentos en vinte e catro horas, e estímase que cada un deles afecta unha media de tres persoas. A finais de 2011 o ritmo de expropiacións era de cinco ao día; subiu até os nove a comezos de ano e hoxe en día van polos 120 á semana. A finais de ano teranse executado máis de 10 mil desafiuzamentos, contabilizando os datos dos xulgados de primeira instancia. María traballa con catro familias que non poden facer fronte á hipoteca. Recalca que as expropiacións que se frean "non son por solidariedade", senón polo interese dos bancos de manter a reputación, salvagardar a imaxe. Novagalicia Banco é a entidade máis testuda con que o colectivo galego lidou. "Os bancos son remisos aos alugueiros sociais e ás dacións en pagamento. Funcionan como auténticas empresas e as familias son a súa principal fonte de ingresos", acrecenta a activista.

A de S.H. é unha desas familias. Esta muller, veciña de Pontecesures e que estivo en situación de violencia machista, soubo que o seu home non estaba a pagar a hipoteca cando xa se acumulaban os meses de débeda. Tamén ela, pola súa conta, intentou negociar co banco, o Santander. "A única solución que me deron foi que vendese o piso... Con esta crise? A quen? Que me digan eles a quen", revólvese S.H. Como todas as persoas que se atopan nesta situación, conformariase con que a entidade accedese á dación en pagamento, a entrega da vivenda a cambio de saldar a débeda. "Quedaría igual sen a casa e non sei a onde vou ir", insiste S.H., quen non podería afrontar o pagamento da hipoteca pois o seu é un deses 76 mil fogares que chega a fin de mes grazas ás achegas de familiares e amizades.

Son varios os colectivos sociais implicados na procura das 15 mil sinaturas que cómpren para presentar no Parlamento galego unha ILP —Iniciativa lexislativa popular— en prol da dación en pagamento. En xuño, a maioría do PP botou embaixo a iniciativa do BNG, apoiada polo PSOE, para reclamar no Congreso as reformas lexislativas que garantan que a entrega do inmóbel cancele a hipoteca. Desde Stop-desafiuzamentos, María aplaude cada dación que se consegue, mais ten claro que non é suficiente. O obxectivo ideal é outro: o alugueiro social. Explica María que con esta posibilidade a familia conservaría a casa, e pagaría unha cantidade mensual que non superaría en ningún caso o 30% dos ingresos. Porén, cada vez que senta a negociar coa dirección dunha entidade bancaria, hai un argumento que se repite: "que vivimos por riba das nosas posibilidades, facendo que a familia se sinta culpábel da situación en que a colocou a crise capitalista". Lembra a activista que a análise da situación económica previa á hipoteca "faina o propio banco", e acrecenta que este préstamo "mistúrase a miúdo con outras obrigas que levan a persoa a unha situación desesperada en que contrae débedas non só co banco, senón tamén con prestamistas, nun efecto bóla de neve". A activista revólvese: "cómpre que alguén dea dunha vez un golpe na mesa! Que no estado somos case seis millóns de desempregados" e ninguén está libre dun desafiuzamento. 

Esta información é un dos contidos do número 22 do semanario Sermos Galiza en papel. Pódese facer cun exemplar mercándoo nos quiosques ou subscribíndose para o recibir no seu domicilio.