Mobilización esta segunda a prol dos servizos públicos nas sete cidades galegas

A CIG convoca manifestacións nas sete cidades galegas contra os recortes do PP e na defensa duns servizos públicos e de calidade.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) anunciou un novo calendario de mobilizacións convocado pola Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos. Neste sentido, nesta segunda feira, día 15 de outubro, a central nacionalista desenvolverá manifestacións nas sete cidades galegas para manifestar "o rexeitamento ás políticas antisociais e regresivas que vén aplicando o PP".

Na CIG subliñan que as medidas adoptadas polos gobernos galegos e español, supuxeron un grave ataque aos servizos públicos en xeral, mais tamén "para o emprego público en particular", medidas, din, "que constitúen un ataque para o conxunto da sociedade".

O sindicato nacionalista fixo un chamamento a toda a cidadanía para participar das mobilización "contra os recortes laborais, salariais e sociais impostos polos gobernos do PP" ao tempo que a defender o dereito a uns servizos públicos e de calidade.

As manifestacións terán lugar nas seguintes localidades e emprazamentos:

  • A Coruña : Praza de Pontevedra- 19:00 h
  • Compostela: Alameda- 19:00 h
  • Ferrol : Praza de España – 19:00 h
  • Lugo: Edificio Admtvo Xunta- 19:00 h
  • Ourense: Pavillón dos Remedios- 19:00 h
  • Pontevedra: Praza da Ferrería -20:00 h
  • Vigo: Vía Norte- 20:00 h