A (contra)reforma de Wert impón unha reválida aos 8 anos, con proba de lectura, escritura e aritmética

Até catro exames terá que pasar o alumnado que queira chegar á etapa universitaria, e despois cada universidade poderá facer máis unha proba de selección. Educación para a cidadanía desaparece do currículo. Na ESO será substituída por outra 'educación', Cívica e constitucional, para formar as crianzas na ideoloxía do PP e da Igrexa católica

O goberno español adiantou nesta cuarta feira información nova da (contra)reforma educativa que está a preparar o ministerio de dirixe José Ignacio Wert. Así, o alumnado terá que enfrontarse a até catro exames distintos, con carácter externo e contidos comúns para todo o estado se quixer chegar á etapa universitaria e, tal e como explicou no Senado a secretaria de Estado, Montserrat Gomendio, a primeira desas avaliacións será aos 8 anos, en 3º de primaria.

"A idea é avaliar os coñecementos d@s alumn@s en lectura, escritura e regras aritméticas básicas, co obxectivo de detectar de forma precoz posíbeis problemas de aprendizaxe e estabelecer os reforzos e apoios que cumpran co fin de evitar un abandono escolar prematuro", detallou Gomendio.

11 anos: segunda reválida
Esta primeira proba non terá ningunha consecuencia para a crianza, que poderá pasar de nivel aínda que non a superar. Mais aos 11 anos, para iniciar os estudos de secundaria haberá unha segunda reválida e aquí serán as equipas docentes as que decidan "en función de cada caso" se @ alumn@ ten que repetir "ou pode pasar a secundaria cun informe orientador que deixe claro que reforzos precisa para poder continuar co ritmo normal das aulas".

Mudou deste xeito a intención inicial enunciada por Wert para o texto que deron en chamar Lei de mellora da calidade educativa e que pretenden ter redactado en outubro para tramitala no Congreso d@s deputad@s antes de que remate o ano. Así, nun primeiro momento púñase riba da mesa a posibilidade de que se @ estudante que non repetise nunca curso ningún suspendía esta reválida, ao non acadar os coñecementos fixados como mínimos para matemáticas e lectura, debería volver a estudar 6º. En función do sinalado esta cuarta feira, esta posibilidade foi matizada, derivando a decisión cara ao profesorado.

ESO e bacharelato: terceira e cuarta reválida
Ao finalizar a educación secundaria obrigatoria --ESO-- haberá máis unha reválida, que será distinta dependendo de se o alumnado escoller o vieiro da formación profesional ou do bacharelato. O exame final suporá un 30% para FP e un 40% para bacharelato; o resto da nota tomarase das cualificacións obtidas na secundaria. Ao final do bacharelato o estudantado enfrontarase coa cuarta e derradeira reválida (ou non?), que suporá a desaparición das probas de selectividade tal e como se realizan hoxe. Após superar este exame, cada universidade poderá fixar as súas propias probas de acceso para seleccionar novamente que estudantes queren.

A secretaria de Estado confirmou tamén que o ministerio de Educación prevé unha rebaixa na carga de materias, nomeadamente na ESO e no bacharelato, para "reforzar" o tempo dedicado a outras catro: Lingua, Matemáticas, Ciencias e Inglés. En 4º da ESO haberá só dúas escollas, ou FP ou bacharelato; e no bacharelato os camiños serán cinco: Ciencias e Enxeñaría, Ciencias da saúde, Humanidades e Artes e Ciencias sociais. Só se poderá pasar de curso con dúas materias suspensas --até o de agora eran tres--, e Educación para a cidadanía desaparece na primaria e na ESO pasa a se chamar Educación cívica e constitucional, unha clara reminiscencia á materia Formación del espíritu nacional que se impartía nas escolas franquistas.

Cando a Igrexa católica mete man no currículo: educar para o sometemento
Mais non é só o nome o que mudará. No novo temario Wert cede espazo á Igrexa católica e a grupos de ideoloxía afín. Co obxectivo de "eliminar as cuestións controvertidas e susceptíbeis de adoutrinamento ideolóxico" --en palabras do propio ministro-- eludiranse realidades como a homosexualidade e as desigualdades sociais para incorporar un único modelo de familia e unha única sexualidade, e para denunciar o "nacionalismo excluínte".

Euskal Herria e Catalunya anunciaron xa que aproveitarán a marxe de manobra na elaboración do currículo que lles dá o feito de teren lingua de seu, até o 45%, para mitigar a carga ideolóxica que a Xunta do PP, coa mesma marxe de manobra pois na Galiza tamén temos lingua propia, pretendía aplicar sen protestar. Andalucía, sen idioma propio e, por tanto, podendo achegar só o 35% dos contidos ao currículo, anunciou tamén que esta nova materia non se impartirá nos centros de ensino do territorio. O currículo de Ética tamén sufrirá modificacións, reproducindo as leccións con que a dereita española 'educa para a cidadanía'.