A Deputación de Lugo debaterá no pleno unha moción do BNG contra os recortes no ensino

A cadea de peches rotatorios convocados nos IES pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público chegou esta quinta ao Ánxel Fole e seguirá na sexta en Burela

O BNG levará ao pleno da Deputación de Lugo unha moción en que insta á Xunta a que se negue "rotunda e publicamente" a aplicar calquera das medidas que aparecen dispostas no Real Decreto-lei 14/2012, e que presente un recurso contra esta norma perante o Tribunal Constitucional por "invasión" das competencias transferidas á consellaría de Educación.

Anunciouno nesta quinta feira o delegado de Cultura e Turismo no Goberno provincial, Mario Outeiro, quen visitou o IES Ánxel Fole acompañado do tenente alcalde no Concello lucense para facer parte da protesta da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.

Así, representantes das nais, dos pais, persoal docente e @s propi@s estudantes encerráronse no edicifio para reclamar que as tesoiras deseñadas en Madrid non recorten dereitos na Galiza, no marco da cadea de encerros rotatorios iniciada en Compostela o 14 de maio e que rematará en Ourense o vindeiro 1 de xuño. E para o 3 de xuño está convocada a mobilización nacional a prol da educación e da sanidade públicas.