A fame que vén: nove de cada dez persoas, aos pés da pobreza

A crise do capitalismo atacou con brutalidade a clase media, esvaecendo o perfil das persoas en risco de seren pobres. Os números falan por si propios: de cada cen persoas, só dez ficarían fóra do alcance da gadaña da pobreza, ao teren ingresos anuais que soben por riba dos 100 mil euros. Na Galiza, máis de 70 mil comen cada día do banco de alimentos. A demanda vai en aumento mais a UE debate fecharlles a billa do financiamento

"O perfil da pobreza? O perfil da pobreza esvaeceuno esta crise que castiga xustamente os que non temos culpa dela. A salvo fica só ese 10% con ingresos que superan os 100mil euros ao ano. O resto, non sabemos que será de nós". Aínda así, continúa polo camiño da feminización, e apura o paso. Máis de 260.000 persoas estaban sen traballo na Galiza a finais de xullo, un dos meses en que o turismo turra da creación de emprego.

Moitas delas non saben que é a prima de risco. Caderno en man, suman e restan até faceren que dúas e dúas sumen cinco. Hai que cadrar as contas para que non sobre mes a final do soldo. Quen teña un soldo. A economía volve ás orixes: oikos e nomos. Mirar pola casa. Volver ás estratexias de supervivencia das nosas avoas. Desatar o pequeno fachico de aforros gardado debaixo do colchón ou no armario, no medio da roupa, para pagar os gastos pequenos. E dos grandes, prescindir.

50 mil pobres máis cada ano
Na Galiza, a comida de máis de 70 mil persoas vén dun banco de alimentos. A Enquisa de poboación activa fixa en 83.700 o número de fogares galegos que non reciben rendas polo traballo. Para explicar a situación cómpre caer, por veces, na frialdade das cifras. Nove de cada dez persoas viven aos pés da pobreza. Os números da Rede galega contra a pobreza —EAPN Galiza— apuntan que cada ano hai 50 mil pobres máis.

"Nun período de entre seis meses e un ano estas persoas vense nunha situación que nunca pensaron, e a clase media está especialmente castigada". Para alén desta cuestión, Xosé Cuns, vicepresidente da Rede, alerta doutra "tamén moi preocupante": a dificultade de reinserción laboral d@s traballador@s que levan 4 ou 5 anos no desemprego, que se torna "case imposíbel" se superan os 45 anos.

A necesidade de fondos para os bancos de alimentos aumenta. Porén, o camiño seguido tanto pola Unión europea como polo Goberno español é a reducir o investimento, que no noso país cubría ao redor do 70% do volume total de víveres que se distribúen. En 2011 na Galiza distribuíronse 60 mil toneladas de comida. Este ano, aínda que a demanda medrou entre un 50 e un 100%, a cantidade repartida será menos, pois bancos e comedores sociais recoñécense superados por un panorama onde a fame vai a máis e as súas reservas van a menos.

Ulos culpábeis?
Continuando coa análise das consecuencias da crise, di Cuns Traba que "é unha constante a procura de chivos expiatorios, e desta volta tocoulle á poboación inmigrante, estea ou non en situación irregular". Na práctica, o que se aplicou foi unha "drástica" redución dos fondos que se destinaban a formación e creación de emprego, para alén de que o decreto da sanidade que leva na Galiza en vigor desde setembro de 2011 supuxo un azoute tal que o Sergas privou de atención até crianzas e mulleres embarazadas, saltando a excepción que contempla a propia norma. "O segundo chivo son os desempregados, considerados vagos; e o terceiro as persoas con discapacidade", apunta.

Namentres @s fals@s culpábeis pasan fame e pasan frío, a Lei de dependencia "veu espir os servizos sociais asumindo as necesidades que estes cubrían, e está desmantelada de facto polo goberno español", subliña Cuns. A consecuencia: centos de mulleres que volven para a casa empurradas polo desleixo do estado para se ocuparen, soas as máis das veces, do traballo dos coidados. É a marca envelenada diso que chaman 'roles de xénero', propia dese tempo pasado ao que nos devolveron os gobernos galego e español ao trabaren nos dereitos sociais. Un tempo en que, na caixa da profesión, elas escribían Sus labores.

Desafiuzamentos: xaque ao dereito a un teito
Outro dos dereitos que avalea coa crise é aquel que fala de termos tod@s unha vivenda digna. O número de casas baleiras medra parello ao dos desafiuzamentos. Nos últimos cinco anos practicáronse na Galiza 8 mil execucións hipotecarias, e a evolución, a xuízo de Cuns Traba, vicepresidente da Rede contra a pobreza, é "moi preocupante". Pasouse de 701 en 2007 a máis de 2mil en 2011, segundo datos do Consello xeral do poder xudicial.

A propia Rede anda a xuntar as sinaturas que cómpren para unha ILP —iniciativa lexislativa popular— en prol da dación en pagamento, isto é, que a entrega do inmóbel cancele a hipoteca. En xuño, a maioría do PP rexeitou a toma en consideración da iniciativa do BNG —apoiada polo PSOE— para reclamar no Congreso español reformas lexislativas que posibilitasen xustamente a dación en pagamento. Argumentaron que a execución hipotecaria "excede o ámbito desta Cámara" e que o proxecto de lei de vivenda, en fase de tramitación, "contempla xa medidas para paliar os efectos da crise sobre os galegos en dificultades". O voto en contra o PP no primeiro trámite da iniciativa imposibilitou xa o debate no Congreso.

Con todo, a mobilización social e o risco reputacional das propias entidades bancarias freou unha tendencia que, a 30 de maio, situaba en nove o número de familias que na Galiza quedaban sen casa nun día, o tempo que vai entre o nacemento e a posta do sol. "Por suposto, as execucións non se cancelan por solidariedade, senón polo propio interese en manter a imaxe de Novagalicia Banco".

111.305 persoas sofren privación material severa
Así as cousas, na Galiza son xa 111.305 persoas que sofren o que se chama 'privación material severa', e que fan parte das 6.849 que en 2011 estaban en risco de pobreza. Tal privación detéctase cando a familia 'cumpre' catro dos nove requisitos que seguen: vivir de alugueiro —Celsa paga pola vivenda—, non ter calefacción, non poder comer proteínas cando menos tres veces por semana, non ter capacidade para afrontar gastos imprevistos, non ter carro, nin lavadora, nin teléfono e que gozar dunha semana de vacacións ao ano sexa un luxo imposíbel.

Na beira oposta, ese 10% que fica fóra do alcance das gadoupas da crise fai subir as cifras do consumo de bens de luxo, como embarcacións, carros de alta gama e roupa de deseño. Coa xenreira de Cuns Traba concluímos: "Que non hai cartos? Esa é a grande mentira desta crise! Culpar o pobo dunha situación que non provocou e que fica consentida polos dous grandes partidos. O PIB somerxido na Galiza —26,3%— e no estado —23,3%— duplica a media europea —13%—. Reducilo en 10 puntos aumentaría os ingresos en case 3 mil millóns de euros cada ano --2.796 millóns, segundo os datos do Gestha, o persoal técnico de Facenda--. E non vén de facturas sen IVE. Vén da evasión de grandes fortunas e de grandes empresas. Dicir que non hai cartos é absolutamente indigno".