DEREITOS SOCIAIS

A maioría do PP saca adiante en Madrid as medidas contra o ensino e a sanidade públic@s

Co voto en contra da oposición e a postura de rexeitamento de sindicatos e organizacións sociais, a dereita española deu luz verde a normas que fixan o re-pago farmacéutico, a retirada do cartón sanitario ás persoas inmigrantes ou a suba das taxas universitarias

O PP aprobou nesta quinta no Congreso --unicamente cos seus votos e co rexeitamento de todos os grupos parlamentares-- a reforma en Sanidade e Educación que permitirá ao Goberno de Mariano Rajoy, segundo anunciou, aforrar 10.000 millóns de euros. O PP validou no Congreso ambos os dous Reais Decretos-lei, que foron criticados por oposición, sindicatos e organizacións sociais.

No caso da sanidade, o cambio de modelo fixa o re-pago farmacéutico, que será proporcional á renda. As persoas usuarias cun nivel de renda por enriba de 18.000 euros pagarán o 50% do prezo dos medicamentos, mentres que as que estean por debaixo desa cantidade seguirán aboando o 40% actual e aquelas con máis de 100.000 euros pagarán o 60%. A medida tamén afectará as e os pensionistas, que deberán aboar o 10% dos fármacos, cuns límites de entre 8 e 60 euros mensuais. Todas as persoas comezarán a pagar máis polos medicamentos a partir do próximo 1 de xullo e, ademais, terán que aboar parte dos produtos ortoprotésicos e dietéticos, así como o transporte sanitario non urxente.

Ás persoas inmigrantes en situación irregular retiraráselles o cartón sanitario o próximo 1 de setembro e só serán atendidas en urxencias, por doenza grave ou accidente, e durante o embarazo, parto e postparto, aínda que as menores de 18 anos recibirán a mesma asistencia médica que as persoas cun cartón de identidade español. O obxectivo desta medida é, segundo explicou a ministra de Sanidade, Ana Mato, pór freo aos "abusos" do Sistema Nacional de Saúde e ao bautizado como 'turismo sanitario'.

Canto á educación, as medidas de aforro ás que o Congreso español deu o visto e prace afectan a todos os niveis educativos de forma temporal ou permanente e implican a modificación parcial das leis orgánicas de educación (LOE) e de universidades (LOU). Na Galiza, a aplicación das medidas ditadas en Madrid suporán un incremento nas ratios do alumnado por aula até 30 en Infantil e Primaria, 36 en Secundaria e 42 en Bacharelato, tal e como denuncia a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público --de que fan parte AS-PG, Comités, BNG, CIG-Ensino, Galiza Nova, Liga Estudantil e varias asociacións de nais e pais da Galiza--.

Aumentarán tamén as horas lectivas do profesorado, "mermarase" a calidade do ensino e máis de 2.000 docentes quedarán sen traballo na Galiza. A maiores, nos dez primeiros días lectivos de cada baixa o profesorado non será substituído, segundo proclama o RD 14/2012, o que supón "a vulneración do dereito fundamental á educación", din desde a Plataforma.

As universidades públicas poderán subir as taxas até un máximo dun 66%, de modo que o alumnado pagará até o 25% do custo da súa praza universitaria. Tamén se penalizará os e as estudantes que repitan materia na segunda e sucesivas matrículas. As comunidades autónomas teñen a última palabra nesta ampliación do custo. Na Galiza, onde agás en 2008 e en 2009, cando Laura Sánchez Piñón (PSOE) mantivo conxeladas as taxas pola presión das organizacións estudantís, o resto dos anos o aumento foi progresivo e andou entre o 3% e o 4%. Neste ano pode chegar até os 560 euros a maiores por matrícula. Finalmente, estabelécese un adiamento dos ciclos de 2.000 horas de Formación Profesional até o curso 2014-2015 e elimínase a obrigación de que os centros non teñan que ofertar como mínimo dúas das modalidades de bacharelato.

Este último punto ten especial repercusión na Galiza. Pois ao conceder aos centros escolares a facultade para escolleren unha soa modalidade de bacharelato discrimínase "o alumnado polo lugar no que vive", detráese "aínda máis" poboación ao rural, increméntase o abandono escolar ou obrigáse ao desprazamento até aquel lugar onde se imparta a póla que se desexa cursar "sen bolsa e sen transporte de balde", segundo as reclamacións que veñen facendo desde a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.