Galiza segue a rexistrar a incidencia máis alta do Estado entre a poboación nova de 20 a 29 anos

Punto de cribado con tests de antíxenos na área sanitaria de Ourense. (Foro: Xunta da Galiza).
A pandemia estabilizase na Galiza. Suma outro millar de contaxios e unha lixeira repunta dos casos activos.

Por segunda xornada consecutiva, os contaxios de Covid-19 mantéñense por riba do milleiro, despois de iniciar a semana por baixo desa marca. Esta recuperación motivou un lixeiro aumento das infeccións activas, que se sitúan en 18.643.

Segundo os datos actualizados na mañá desta quinta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros de até as 18 horas da cuarta, as persoas ingresadas pola Covid-19 en UCI soben a 52 -seis máis-, mentres que os doentes hospitalizados noutras unidades redúcense a 250 -sete menos-. Ademais, hai 18.341 pacientes en seguimento nos seus domicilios.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria baixa en Ourense, Santiago e Lugo; aumenta en Vigo e Ferrol e mantense nas da Coruña e Pontevedra.

Casos activos

Pola súa banda, os casos activos de Covid-19 frearon a tendencia descendente das tres últimas xornadas e aumentan lixeiramente a 18.643. Con respecto a hai unha semana, Galiza ten 133 infeccións activas menos que as rexistradas o pasado 29 de xullo.

Por áreas sanitarias, os descenden en Ourense (-68), Lugo (-41), Pontevedra (-41), Vigo (-23) e Santiago (-2) e soben nas da Coruña (+153) e Ferrol (+43).

A área de Vigo mantense á cabeza con 4.623 infeccións activas seguida da da Coruña, con 4.297; Pontevedra, con 2.662; Santiago, con 2.214; Lugo, con 2.171; Ourense, con 1.596, e Ferrol, con 1.080.

Contaxios novos

Os novos contaxios volven superar o limiar do milleiro. Sanidade suma 1.110 casos novos, dos cales, A Coruña suma 313; Vigo, 222; Pontevedra, 143; Lugo, 125; Santiago, 124; Ferrol, 95, e Ourense 88.

Así, as persoas contaxiadas de Covid-19 desde o inicio da pandemia ascenden a 162.132 na Galiza, que trata de avanzar no control da pandemia cunha taxa de positividade superior a 10%, lonxe do obxectivo fixado pola OMS de 5%.

Incidencia

A incidencia acumulada a sete e 14 días, segundo os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidade, sitúase en 274 e 644 respectivamente por cada 100.000 habitantes para o conxunto do territorio.

Por grupos de idade, Galiza segue a rexistrar a incidencia máis alta do Estado entre a poboación nova de 20 a 29 anos, con 1.967 casos por 100.000 habitantes a 14 días, seguida moi de perto por Euskadi. O segundo grupo de idade máis afectado polo coronavirus é o de 12 a 19 anos cunha incidencia de 1.743 casos.

Falecementos

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 en Galicia aumentan a 2.481 despois de notificar as Sanidade outros dous falecidos, unha muller de 79 anos ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e un home de 78 anos ingresado no Hospital Povisa de Vigo. Ambos presentaban patoloxías previas.