A patronal eólica sae na defensa da Xunta ante a investigación da Fiscalía

(Foto: Antonio Ayuso).

O sector eólico defende que o procedemento para proxectos na Galiza "é absolutamente garantista e legalista"

A Asociación Eólica de Galiza defendeu que o procedemento de proxectos na Galiza "é absolutamente garantista e legalista" e que as tramitacións ambientais realízanse "da mesma forma" desde hai 25 anos "e nunca houbo problemas".

Así o recolle un comunicado emitido esta cuarta feira, dous días despois de coñecerse que Fiscalía investiga se informes de declaracións de impacto ambiental relativos a parques eólicos foron elaborados por persoas vinculadas ás empresas promotoras dos citados parques.

"O procedemento que se segue na Galiza é absolutamente garantista e legalista. Levamos vinte e cinco anos facendo as tramitacións ambientais da mesma forma e nunca houbo problemas, e facémolas exactamente igual que no resto das autonomías, non somos diferentes", sinala a asociación que representa a promotoras de proxectos eólicos na Galiza.

Na nota, defenden que "a certeza e seguridade xurídica son indispensábeis para que os promotores eólicos e os investimentos industriais sigan apostando pola Galiza", xa que as empresas "só se instalan onde se produce enerxía barata".

Sosteñen que o impulso á enerxía eólica na Galiza está "completamente paralizada desde hai anos" porque "70 proxectos de aeroxeradores, que supoñen ao redor de 3.000 MW de potencia, están afectados pola súa xudicialización"

A investigación de Fiscalía comezou após unha denuncia do Sindicato Labrego Galego (SLG) en relación á tramitación dos parques eólicos, ao redor de 120, e en relación á autoría das declaracións de impacto ambiental realizadas a finais de 2022 e principios de 2023.

Fontes do SLG explicaron que analizaron "moitas" delas e comprobaron, nalgúns casos, ao mirar os metadatos, que aparecían "persoas de referencia das empresas que promovían eses parques" en documentos que si estaban asinados polo funcionario público correspondente.