#BoikotInditex prepara accións por todo o país

Acción de #BoikotInditex na Coruña
O colectivo realizará accións periódicas en todo o país e chama outras organizacións a se sumaren. Denuncian o modelo de empresa que iniciou Amancio Ortega en que "segue a aumentar os seus lucros á costa dese sistema de explotación".

 

A primeira acción da Plataforma #BoikotInditex realizouse o pasado sábado na Praza de Lugo da Coruña, un dos lugares máis céntricos da cidade e polo que pasan centos de persoas en período de rebaixas. Diante dunha das tendas do Grupo Inditex, propiedade do empresario Amancio Ortega, un grupo de mulleres escenificaron un taller téxtil. 

"Foi o noso lanzamento, queremos que se sumen máis organizacións e podermos levar a denuncia a outros lugares do país", asegura Rocío Fraga, unha das participantes e membro de Non me pises o freghao. Un dos colectivos que se sumou a esta inicitiva foi Coruña en loita. "A iniciativa partiu do colectivo 15-M de Montealto e nós, pensamos que este tipo de accións é moi últil para concienciar da situacións das traballadoras". No tempo que estiveron diante do comercio moitas persoas mostraron o seu apoio, outras preguntaron para se informaren e non faltou alguén que as increpase. "Iso si, da tenda non saíron nin as dependentas".

Algunhas das activistas desta Plataforma traballan no téxtil, mesmo en talleres de Zara, ou coñecen ben o sector. "Os medios de comunicación non tiveron outra que informar das condicións en que se traballa para esta multinacional, mais nós estamos por denunciar que no noso país tamén existen esas prácticas". En #BoikotInditex aseguran que continuarán coa campaña "facendo accións imaxinativas" despois do éxito desta primeira na cidade da Coruña.

Imaxes: Flickr de Rizlinha