A Plataforma en defensa do ensino público convoca concentracións contra a LOMCE

Anunciaron a súa adhesión á folga convocada polos Comites Abertos e a Liga Estudantil galega para o 6 de febreiro.

 

A Plataforma galega en defensa do ensino público vén de facer un chamamento ao conxunto da comunidade educativa para que rexeite os plans do goberno galego que "reducen emprego e favorecen ao sector privado, en concreto á patronal da Igrexa" a través do Anteproxecto da Lei de Mellora de Calidade Educativa (LOMCE). En conferencia de imprensa Elvira Lomba, presidenta das ANPAs de Lugo, anunciou a convocatoria de concentracións nas sete cidades galegas para o vindeiro día 31 de xaneiro a partir das 19:30 h. e a realización de debates e conferencias en todas as comarcas da Galiza.

"Pediremos dos claustros dos centros que se posicionen sobre as medidas que pretende aprobar este goberno". Aliás apoian a folga convocada polos Comités e a Liga para o día 6 de xaneiro. Lomba denunciou que "o goberno galego non contou con nós para a realización desta lei polo que non estamos dispostas a aceptar a súa aprobación". Entre as accións que levarán a cabo está unha recollida de sinaturas nos centros contra a súa aprobación, "para darlle unha proxección máis social".

Anxo Louzao, secretario xeral de CIG-Ensino, criticou na comparecencia diante dos medios de comunicación o segundo anteproxecto de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) e os recortes que figuran no borrador dos orzamentos presentado polo goberno galego para 2013. "O preámbulo quedou maquillado neste segundo anteproxecto mais contén principios mercantilistas ortodoxos, afóndase máis na confesionalidade na relixión e recolle a españolización do noso ensino".

Recortes no profesorado

O secretario xeral de CIG-Ensino tamén denunciou a "actitude de imposición e falta de negociación e manifesta que 200 prazas de Infantil e Primaria son absolutamente insuficientes se consideramos que desde 2009 a destrución de emprego acadou os 3.000 postos de traballo". Segundo datos achegados por este sindicato a destrución de emprego aumentou ao non substituír as xubilacións "máis de 1.000 postos en 2011 e ao redor de 1.000 o ano pasado". por este motivo Louzao asegura que "o conselleiro minte cando afirma que dá as cifras posto que o 10% de crecemento non conta coa redución posterior a 2009".