A reporteira de guerra Mónica García Prieto, premio 'José Couso' á liberdade de imprensa

Na súa intervención por videoconferencia, pois reside en Beirut, reivindicou a importancia do xornalismo feito de maneira libre e sen o apoio das grandes empresas da comunicación. Con 19 anos, García Prieto foi cubrir a revolta zapatista en Chiapas


"Os grandes medios xa non cobren os conflitos coa xente do seu cadro de persoal porque din que non lles é rendíbel ou que non hai espazo. Espazo hai e cubrímolo nós, os que cobramos unha miseria por facer ese traballo".
 

Foi a reivindicación en favor d@s freelance que fixo a reporteira Mónica García Prieto na súa intervención por videoconferencia após recibir o premio 'José Couso' á liberdade de imprensa na súa novena edición, convocada polo Colexio profesional de xornalistas.

García Prieto é unha das poucas mulleres no xornalismo de guerra. Colabora con dous medios creados por xornalistas --Cuarto Poder e Periodismo Humano-- e que vive actualmente en Beirut, no Líbano; e agradeceu o galardón por vir de mans de compañeir@s de profesión, e non dun xurado. O premio entregarase o 9 de maio no Teatro Jofre de Ferrol, cidade natal do cámara asasinado durante a invasión do Iraque en 2003.

Xornalista a pé da noticia desde os 19 anos 

Reporteira de guerra, foi proposta en representación de todos os xornalistas que están cubrindo o conflito sirio, co mérito engadido de que o fai sen a cobertura dun gran medio e sendo unha das poucas mulleres do xornalismo de guerra. Con só 19 anos Mónica García Prieto cubriu a revolta zapatista de Chiapas e desde 1995 traballou para o diario El Mundo conflitos como os de Chechenia, Iraque, Afganistán, Macedonia, Gaza ou Líbano. 

En 2005 Prieto pediu un período sabático para centrarse en temas de Oriente Medio, converténdose en xornalista independente fincada en Xerusalén. En 2007 trasladouse a Beirut, onde vive desde entón, e dende onde cubriu amplamente os conflitos da zona e de forma moi activa a primavera árabe. Foi proposta en representación de tod@s @s xornalistas que están cubrindo o conflito sirio, co mérito engadido de que o fai sen a cobertura dun gran medio.

Con Mónica García Prieto xa son nove os galardoados co Premio das Ás Ceibes. Ademais da reporteira, os outros gañadores do Couso foron: Ali Lmrabet (2005), Le Monde Diplomatique (2006), Jon Lee Anderson (2007), José Vidal – Beneyto (2008), Rosa María Calaf (2009), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), WikiLeaks (2011) e o Consejo de Informativos da RTVE (2012).

Na lectura da acta, o decano do CPXG quixo facer tamén unha mención especial ás outras tres candidaturas deste ano: Nikos Megrelis, xornalista grego, que dirixiu o documental Shooting vs Shooting sobre os xornalistas mortos en Iraq; Marcela Turati, xornalista mexicana da revista Proceso, que cubriu a guerra contra o narcotráfico; e finalmente, José Yoldi, quen denunciou o uso irregular de fondos do Consello Xeral do Poder Xudicial polo seu presidente, e que, malia a iso, foi un dos 129 xornalistas de El País que saíron do diario tralo ERE.