A sanidade comarcal perde especialistas

Os hospitais comarcais denuncian escaseza de profesionais especialistas (Europa Press).
O desmantelamento da saúde pública continúa após a parada sanitaria provocada polo novo coronavirus. Os hospitais comarcais denuncian a falta de especialistas que xa acusaban antes da COVID-19 e sinalan novas marchas que dificultan a calidade asistencial de miles de usuarias. Monforte e A Mariña exixen contratacións.

A reactivación da actividade hospitalaria e de Atención Primaria, unha vez superadas as fases máis críticas da crise sanitaria provocada polo coronavirus, volve avivar as demandas que o confinamento e a paralización das consultas especializadas conseguiron acalar nos últimos meses.

A CIG-Saúde Monforte vén de denunciar a marcha da única médica especialista en Neuroloxía coa que conta o hospital comarcal. Unha decisión precipitada pola carga asistencial que asume en solitario e que o sindicato atribúe, ademais, "á nefasta xestión desta dirección".

Vicente Vázquez, responsábel local da CIG-Saúde e voceiro da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área de Monforte, asegura que desde hai máis de dous anos veñen reclamando a contratación doutra especialista co fin de reforzar o servizo e mellorar a asistencia das 54.000 pacientes que teñen como única referencia a médica que agora decidiu non renovar o contrato que lle prorrogaban cada seis meses. "Cada día remata a súa xornada laboral contra as 17 horas cando o seu horario de saída é ás 15 horas. Sucede así porque o de Monforte é o único hospital da área sanitaria, e polo tanto a única neuróloga que ademais de atender a consulta diaria se encarga das pacientes que entran por Urxencias e do seguimento das doentes ingresadas en planta", explica Vázquez, quen critica a pasividade do Sergas á hora fortalecer o servizo e de ofrecerlle estabilidade a unha profesional apegada á comarca que "non lle importaría seguir, mais non nestas condicións".

Perda de servizos sanitarios

Para a CIG-Saúde esta precariedade revela que non hai ningún interese por parte da Xunta por estabilizar as prazas nin os cadros de persoal dos hospitais comarcais, un desleixamento que afonda no seu desmantelamento e na perda de servizos sanitarios. "O que deducimos desta indiferenza e do reforzo do Hospital Lucus Augusti de Lugo, que nos últimos dous anos contratou tres especialistas en Neuroloxía, é que queren baleirar os hospitais comarcais e obrigar as pacientes a desprazarse aos centros de referencia", sinala Vicente Vázquez.

A escaseza de profesionais especialistas transcende este último exemplo. Desde o hospital de Monforte denuncian que seguen cun cardiólogo e cun facultativo experto en dixestivo menos, que a xerencia se limitou a cubrir con médicos internistas. "Pero a solución non nos vale, como tampouco nos valerá que veñan dous ou tres días á semana neurólogos de Lugo atender a comarca máis envellecida da Galiza", apunta Vázquez á espera de se poder reunir coa dirección do centro.

Feche de camas

Monforte reclama, tamén, persoal celador, auxiliar e de enfermaría suficiente para o seu hospital, xa que non se cumpren as cotas estabelecidas, sobre todo nas quendas de noite. E ao igual que o Hospital da Costa, na Mariña, dependente da mesma xerencia sanitaria, anticipa un feche encuberto de camas de cara ao verán.

A día 1 de xullo, na Mariña prevén quedar con 20 camas menos de hospitalización nas plantas de cirurxía. "Pero aquí a xente segue enfermando", incide Montse Porteiro, portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña, "co engadido de que hai moitas patoloxías adiadas por medo ou por responsabilidade durante a crise do coronavirus e a ameaza dunha nova vaga de contaxios nunha comarca que chega a triplicar a súa poboación nos meses de estío", salienta.

Ás necesidades máis urxentes, Porteiro engade vellas demandas. "Aquí, no hospital de Burela, fíxose unha ampliación en metros cadrados que non levou aparellada unha ampliación dos servizos sanitarios". Neste sentido, hai tempo que veñen reclamando máis medios e recursos humanos. "Seguimos sen un equipo de resonancia fixo. Cada certo tempo vén un camión pero non é suficiente. Hai anos podía ser un servizo auxiliar, pero hoxe é básico, diario. Así que cada vez que temos un caso urxente temos que derivalo á privada", explica.

Pero as solicitudes non quedan aí. Desde a Mariña reclaman unha segunda rehabilitadora, para atender unha poboación de 70.000 persoas. Un pediatra para o servizo de Urxencias. Cardiólogo, traumatólogo e unha logopeda cen por cento pública, xa que o servizo actual é concertado.