Educación

O novo curso comezará con seis escolas públicas menos e un aumento das unidades concertadas en centros privados

Rapazada nunha escola galega no comezo do pasado curso. (Foto: Arxina)
Beariz súmase á listaxe de concellos que non teñen ningún colexio para as súas crianzas.

A Consellaría de Educación acordou o pasado 2 de agosto, perante unha orde asinada polo titular deste departamento, Román Rodríguez, e publicada esta cuarta feira no Diario Oficial da Galiza fechar até seis escolas de cara ao vindeiro curso escolar, que comezará en setembro. De forma paralela, outra orde do conselleiro tamén difundida hoxe mais datada do 13 de agosto recolle a relación de concertos educativos con centros privados para este ano, unha listaxe que suma catro novas unidades en diferentes ensinanzas e etapas.

As escolas que deixarán de prestar servizo a partir deste curso 2024-25 son a EEI de Traba, en Laxe (Bergantiños); a EEI de Tal de Abaixo, en Muros (comarca homónima); a EEI de Agro-Baredo, en Baiona (comarca de Vigo); as EEI de Solobeira e de Guillán, ambas as dúas en Vilagarcía de Arousa (O Salnés), e o CEIP de Beariz (comarca do Carballiño), o único presente neste municipio que desde agora carecerá dun colexio de Infantil e Primaria.

E, a maiores, a Xunta da Galiza integrará no CRA de Dodro (O Sar), para centralizar a súa xestión, catro escolas radicadas en Padrón, na mesma comarca: a EEI de Arretén, a EEI A Escravitude, a EEI de Estramundi de Arriba e a EEI de Pontecesures.

O obxectivo desta supresión de centros, alega a Consellaría, é "adaptar a organización dos centros docentes ás necesidades efectivas da poboación escolar e ás exixencias duns cadros de persoal que incidan na atención á diversidade coa introdución de profesorado especialista e a mellora da súa oferta educativa".

Educación salienta que o próximo curso estarán en funcionamento un total de 7.336 aulas nos colexios de primaria e infantil públicos do país, dúas máis que no anterior. Os datos facilitados esta cuarta feira pola Administración galega, polo de agora provisionais, cifran en 179.028 o número de matrículas para os dous primeiros niveis educativos, o que supón un descenso de 4.030 a respecto do pasado ano académico. En concreto, hai 50.129 nenos e nenas anotadas para Infantil (1.662 menos) e 128.899 para Primaria (-2.368).

Ensino privado concertado

Tal e como publica Nós Diario esta mesma cuarta feira, o Goberno galego subvencionou con case 2.700 millóns de euros o ensino privado entre os anos 2013 e 2022 a través do réxime de concertos educativos. Na actualidade, segundo datos achegados polo departamento de Román Rodríguez, operan na Galiza un total de 1.646 colexios, dos que 1.213 son de titularidade pública e os 433 restantes —un de cada catro—, privada.

 

E dentro desta última categoría observamos como máis da metade (228) teñen algunha unidade concertada e, en consecuencia, son financiados parcialmente pola Xunta. De cara a este novo curso a Administración educativa galega aprobou a supresión dos concertos de 12 unidades educativas en Educación Infantil, Especial, ESO e FP, en contraposición coas 16 que desde agora serán concertadas, o que deixa un balance de catro novas unidades —ás que se suma un aumento de horas en dous centros, o CPR Plurilingüe Andaina de Culleredo (comarca da Coruña) e o CPR Malvedo de Coles (comarca de Ourense)—.

Vigo é, con diferenza, o concello con máis colexios concertados de todo o país: un total de 56. Son máis da metade dos centros de titularidade privada (100) os que subvenciona a Xunta nesta cidade na que as escolas públicas son minoría (77).

 

En total, no curso que empeza en setembro haberá 3.994 unidades concertadas, catro máis que o ano pasado, para dar cobertura a uns 81.000 alumnos e alumnas. A Xunta sinala que "case 90%" do orzamento dos concertos está orientado a "abonar as retribucións do profesorado e do persoal complementario nas unidades de Educación Especial".