VÍDEO NO INTERIOR

A 229 nunha estrada de 90 mentres grava co móbil: denuncian un condutor de 21 anos por varios delitos en Vilalba

O condutor de Vilalaba ía a 229 km/h.
Nas imaxes obsérvase como acelera o vehículo até alcanzar unha velocidade de 229 km/h, "nunha zona próxima a vivendas, pasando varios cruzamentos perigosos debidamente sinalizados e cruzándose polo menos cun ciclista e outros dous vehículos".

A Garda Civil denunciou un condutor de 21 anos de idade, investigado por un suposto delito de condución temeraria e un de condución a velocidade excesiva, que se gravou a si mesmo circulando a 229 km/h por unha vía de Vilalba (Terra Chá) coa velocidade limitada a un máximo de 90 km/h.

Segundo informaron fontes da Comandancia de Lugo, os feitos ocorreron na estrada LU-120 (Vilalba-Paraxes), e o condutor gravouse supostamente cun móbil coa man esquerda.

Nas imaxes obsérvase como acelera o vehículo até alcanzar unha velocidade de 229 km/h, "nunha zona próxima a vivendas, pasando varios cruzamentos perigosos debidamente sinalizados e cruzándose polo menos cun ciclista e outros dous vehículos".

A Garda Civil sinalou que estes feitos poden ser "constitutivos de delito de condución temeraria e condución a velocidade excesiva", contravindo "as máis elementais normas de seguridade e con evidente risco" non só para o propio condutor senón para o resto de usuarios da vía.

Identificación

Tras unha investigación, a Garda Civil logrou identificar o vehículo utilizado e o suposto condutor, que está investigado como presunto autor de dous delitos contra a seguridade viaria (condución temeraria e condución a velocidade excesiva)

A persoa investigada e as dilixencias practicadas foron postas ao dispor do xulgado de instrución de Vilalba.