O abandono educativo temperán en Galiza sitúase 6 puntos por riba da media europea

Un de cada seis galegos entre 18 e 24 anos non cursou bacharelato nin FP e non segue ningún tipo de formación, regrada ou non.

Un de cada seis galegos de entre 18 e 24 anos de idade non completou o nivel de educación secundaria da segunda etapa e non segue ningún tipo de formación, regrada ou non. É o abandono educativo temperán, os mozos e as mozas que marcharon das aulas unicamente co título de educación secundaria obrigatoria, o que normalmente un escolar completa cando ten 16 anos. A idade, por certo, á que xa se pode acceder ao mercado de traballo. Un mercado que na Galiza leva sofrendo especialmente desde o 2008, co estoupido da gran recesión e as súas consecuencias para gran parte da mocidade: precariedade e emigración.

Temos peores dados en abandono que os territorios da nosa contorna: Asturies, Castela, Cantabra, Euskadi..

As estatísticas oficiais recollen como última porcentaxe de abandono educativo temperán en Galiza o 17%. Tres pontos menos que hai catro anos. E unha porcentaxe por baixo da media española, que está no 20 por cento. Mais hai tamén outra cara, según con quen se compare. Así, o abandono educativo temperán no noso país é moi superior ao que se rexistra en Europa, cuxa media está nun 11%. Seis puntos menos. Comparar as porcentaxes actuais de Galiza (embora as melloras nestas anos) coas que rexistran países como Irlanda, Lituania ou mesmo Polonia dá mesmo vertixe. Aí a taxa de abandono temperán dos estudos non supera o 7 por cento.

Peor parados que a nosa contorna

Mais Galiza non só presenta peores ratios neste campo se comparamos con algúns estados europeos. Tamén saimos perdendo se esa comparanza se fai cos territorios do Estado español da nosa contornoa. Temos a peor porcentaxe do norte. Ese 17% fica por riba do 16,8% de Asturies e 16,7% de Castela-León. E fica lonxe do 10,8% de abandono que se rexistrou en Nafarroa ou do 9,7% de Euskadi.

Hai, ademais, unha fenda entre homes e mulleres. Así, o abandono educativo temperán é moito máis alto entre os varóns que entre elas. Nos primeiros, supera o 21% mentres que nas rapazas está nun 11,9%. Un comportamento que tamén se repite en Europa, onde ese bandono educativo é entre as mulleres dun 9,5% e nos homes do 12,5%. Iso si, a fenda é moito menor que no noso país.