Vigo

Abel Caballero encárase con veciñanza de Teis que pedía aseos para a ETEA: "Pedídellos ao Bloque"

Enfrontamento entre Caballero e a veciñanza de Teis. (Fotograma: Metropolitano.gal)
O alcalde de Vigo visitaba as obras da porta do Sol cando se lle achegou un grupo de persoas para denunciar os problemas de salubridade que aseguran padecer pola falta de aseos públicos no lugar.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, protagonizou na mañá desta segunda feira un polémico enfrontamento con veciñanza de Teis que reclamaba melloras para o barrio.

Os feitos producíronse cando o rexedor estaba a realizar unha nova visita institucional para coñecer o estado das obras da porta do Sol, mais alí varias persoas agardaban a súa chegada portando cartaces e recriminándolle a falta de hixiene na ETEA (a antiga Escola de Transmisións e Electrónica da Armada).

A Asociación Veciñal de Teis leva "anos" urxindo a instalación de aseos públicos no lugar, que non conta con ningún en toda a súa superficie. "Os nenos xogan onde os homes mexan, alí, na area".

Porén, nin Xunta da Galiza nin Concello de Vigo, aseguran desde o colectivo, deron aínda resposta ningunha á súa petición.

Caballero, que non agardaba tal recibimento, limitouse a saudar a ese grupo de persoas e dicirlles: "Non valedes, non valedes".

VÍDEO: metropolitano.gal

Porén, á vista de que as protestas non cesaban, optou por dirixir as demandas aos gobernos anteriores á súa chegada ao poder (2007): "Xa volo fixo [o aseo] o Bloque, pedídellelo a eles, pedídello a [Lois Pérez] Castrillo [ex alcalde da cidade]".

E unha veciña respondeu: "Eu non son do Bloque, que me importan as eleccións? Por que non se achega alí algún día". Aliás, outra asistente replicou: "Castrillo non manda, manda vostede".