Aberta unha convocatoria de axudas de até 800 euros mensuais para vítimas de violencia machista

As denuncias por violencia machista aumentaron en 2022 (Foto: Europa Press)
A cantidade que percibirán as mulleres depende de condicións como os seus ingresos e número de fillos.

As mulleres vítimas de violencia machista poden solicitar desde esta cuarta feira, 3 de xaneiro, unha axuda económica mensual da Xunta da Galiza que oscilará entre 200 e 800 euros, destinadas a gañar independencia económica dos seus agresores. A contía poderá recibirse nun máximo de 12 mensualidades.

O Goberno galego destina 5,4 millóns de euros na convocatoria que se publicou esta terza feira no Diario Oficial da Galiza (DOG) e que permanecerá aberta durante todo o ano, coa intención de que as mulleres poidan acceder a ela no momento en que o necesiten.

Son potenciais beneficiarias as mulleres vítimas de violencia de xénero que cesasen a convivencia co agresor no último ano, así como as afectadas por explotación sexual ou trata con fins de explotación sexual e as vítimas de violencia vicaria.

A cantidade que percibirán as mulleres depende de condicións como os seus ingresos e número de fillos. Ademais, só poderán recibir a axuda aquelas mulleres que acrediten uns ingresos mensuais iguais ou inferiores ao dobre do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem) e que non a recibisen con anterioridade.

Pago único e indemnizacións

Aliás, o DOG recolle dúas liñas de axuda complementarias, unha delas consistente nun pagamento único de case 1,7 millóns de euros. Está destinada a mulleres vítimas de violencia machista con dificultades para buscar traballo.

Por outra parte, a Xunta destina 55.000 euros para subvencionar os pagamentos que correspondan ás vítimas por resolución xudicial e que o agresor incumpra. A contía máxima subvencionábel de indemnización estabelécese en 6.000 euros.