Aberta unha investigación tras a morte por disparos da Policía dun home na Coruña

Varios axentes traballando esta segunda feira no lugar dos feitos, no polígono coruñés da Grela. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Os axentes alegaron que o falecido tiña unha actitude "moi agresiva" cara a eles e que intentaron previamente, sen éxito, aplacalo cun táser.

A Policía vén de abrir unha investigación en relación coa morte dun home na Coruña a mans dun axente após, segundo as primeiras informacións transcendidas, atacar cunha barra de ferro aos efectivos que participaran na intervención policial para a súa detención. Así veñen de confirmalo fontes próximas ao caso citadas pola axencia Europa Press, que precisaron que é o procedemento habitual. "Como en todos os casos onde hai unha morte", subliñaron, aclarando que se fai sexa por causa dun policía como pola implicación doutra persoa.

Para casos deste tipo, existe, ademais, un plan de promoción da saúde mental co que se pon ao dispor dos axentes os recursos dun psicólogo, que lles dá unhas pautas. De acordo coa información facilitada, houbo unha actuación por parte de axentes do Corpo Nacional de Policía debido a "altercados previos" que protagonizaría o home, de 34 anos de idade.

No enfrontamento cos axentes do dispositivo desprazado ao lugar, precisaron as mesmas fontes consultadas, o falecido empregaría unha barra de ferro. Os feitos producíronse esta segunda feira, 25 de decembro, día de Nadal, no polígono da Grela, arredor das 10 horas da mañá e, como consecuencia dos disparos da Policía Nacional, o home faleceu.

Sobre o sucedido, fontes próximas indicaron que se trata dun home de orixe cubana, "moi agresivo", e que estaría a romper cristais de varios coches na zona da Grela. Ante o suceso desprazáronse os axentes, que "tentaron paralo coa pistola eléctrica taser", o que non funcionou, segundo precisaron, debido a que o home levaba moita roupa.

Durante o enfrontamento, un dos axentes, que se atopaba xa no chan, efectuou o disparo que ocasionaría a morte ao home, "un delincuente", afirmaron desde o Sindicato Unificado de Policía (SUP) en redes sociais, en referencia aos antecedentes delituosos do home.