Aberto o prazo de inscrición para os campamentos de verán da mocidade

Un grupo de mozos e mozas nun campamento de verán. (Foto: Nós Diario)
Hai 200 prazas distribuídas en cinco programas diferentes orientados a mozos e mozas de 18 a 30 anos.

A Xunta da Galiza abriu esta segunda feira ás 9 horas o prazo de inscrición en campamentos para mozos e mozas de entre 18 e 30 anos. As solicitudes poderán presentarse até o vindeiro 10 de xuño.

Esta oferta específica, incluída na Campaña de Verán 2024, pon ao dispor das persoas interesadas 200 prazas distribuídas en cinco programas diferentes que acollen máis de 40 actividades.

As solicitudes deberán presentarse en liña na páxina web de Xuventude, enviando o correspondente formulario no que cada persoa poderá elixir un máximo de tres programas por orde de preferencia.

Os campamentos para maiores de 18 anos desenvólvense no albergue municipal de Cabana de Bergantiños, no campamento xuvenil A Devesa de Ribadeo (A Mariña), no albergue de Allariz, no albergue Montañas de Trevinca (A Veiga, Valdeorras) e na residencia complexo Cemar en Mondariz-Balneario (O Condado).

Para optar a estes campamentos é necesario ter cumpridos os 18 anos ao comezo das actividade e non facer os 31 antes de que finalicen. As prazas adxudicaranse por orde de recepción e, unha vez asignadas na primeira convocatoria, se quedan prazas vacantes abrirá de novo o formulario na web.

Máis de 11.500 prazas en total

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou que a programación de actividades de verán para a mocidade é unha forma de "aprender e coñecer outras zonas da Galiza", así como "un recurso importante" para facilitar a conciliación nas familias durante o período non lectivo.

No caso concreto deste ano ofertáronse un total de 11.533 prazas, "o que supón a maior oferta da historia destas actividades de verán", dixo. As opcións abranguen campamentos para mozos e mozas de entre os 9 e os 17 anos —as prazas foron sorteadas o pasado 20 de maio—, actividades para maiores de 18 anos, minicampamentos, campos de voluntariado, o programa 'Conecta con Galiza' para a mocidade galega no exterior e o uso das instalacións xuvenís xestionadas pola Xunta.