Os abonos gratuítos do tren e a bonificación do combustíbel poderían estenderse até o próximo ano

Os abonos ferroviarios poden solicitarse desde esta cuarta feira. (Foto: Renfe)
A ministra de Transportes, Raquel Sánchez, di agora que "non é momento propicio" para implantar as peaxes nas autovías. Aliás, pide "paz social" aos sindicatos ante as advertencias dun "outono quente" se os empresarios deciden non subir os salarios debido á crecente inflación.

A ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, afirmou nesta cuarta feira que o Goberno estatal está disposto a prorrogar os abonos gratuítos ferroviarios e a bonificación ao combustíbel máis aló do 31 de decembro se o considera "útil e necesario" chegado o momento.

Sánchez, en declaracións a TVE, lembrou que o abono gratuíto para persoas usuarias de Renfe, que se pode adquirir desde esta mesma cuarta, ten vixencia até o 31 de decembro deste ano. De momento, sinalou que 330.000 persoas xa se rexistraron na web da compañía para adquirir estes abonos.

No caso da bonificación ao combustíbel, a ministra destacou que beneficiou o conxunto da cidadanía e contribuíu a conter a inflación. "Se chegados ao 31 de decembro consideramos que segue sendo útil e necesaria esta medida, o Goberno será sensíbel e prorrogará este desconto", asegurou.

"Non é o momento propicio" para as peaxes nas autovías

Preguntada por se o Executivo retomou a súa intención de implantar peaxes nas autovías, a ministra indicou que "non se retomou nada", senón que se segue traballando no estabelecido no anteproxecto de Lei de Mobilidade Sostíbel: estudar as diferentes alternativas para financiar a rede de estradas do Estado, entre elas a implantación dun novo sistema de pagamento en todas as autovías a partir de 2024.

Para iso, explicou, o Goberno estatal encargou estudos sobre os diferentes modelos que se poderían aplicar, mais precisou que, no actual contexto, "parece que non sexa agora o momento máis propicio" para abordar este novo sistema de financiamento. En todo caso, a ministra insistiu en que debe ser unha fórmula que concite "o máximo consenso posíbel" entre as forzas políticas e entre os sectores afectados.

"Paz social" fronte a un "outono quente"

Noutra orde de asuntos, e ante as advertencias dos sindicatos dun "outono quente" se os empresarios non aceptan subir os salarios no actual contexto de inflación, a ministra apelou á unidade e á paz social.

"Ante uns meses complicados, é asumíbel un esforzo pola paz social e tamén necesario", sinalou Sánchez, que no que atinxe ao salario mínimo interprofesional (SMI) lembrou que o obxectivo do Goberno segue a ser o de situalo en 60% do salario medio a final de lexislatura.