Empezan as Dracónidas e poñen o ramo as Xemínidas: aí veñen as catro choivas de estrelas do outono

Dracónidas. (Foto: Europa Press)

O comezo do outono no hemisferio boreal será este domingo día 22 de setembro ás 14 horas e 44 minutos e estación vaise prolongar ata as 10 horas e 21 minutos do 21 de decembro, durando case 91 días. 

O comezo do outono no hemisferio boreal será este domingo día 22 de setembro ás 14 horas e 44 minutos e estación vaise prolongar ata as 10 horas e 21 minutos do 21 de decembro, durando case 91 días. 

O paso do verán ao outono prodúcese cando o Sol chega ao punto Libra da eclíptica, un dos dous puntos de intersección deste plano co ecuador celeste. De modo semellante a cando comeza a primavera, estamos nas datas nas que teoricamente a noite e o día teñen a mesma duración. De aí a orixe da palabra equinoccio, coa que se coñecen estas dúas épocas do ano.

A Universidade de Compostela (USC) apunta nun comunicado que cómpre destacar neste outono a chuvia de estrelas Xemínidas, unha das máis importantes do ano e que terá o seu máximo o 14 de decembro,  aínda que este ano a presenza da Lúa chea vai restarlle protagonismo. 

Outras choivas de estrelas desta época como as Dracónidas (8 de outubro), as Oriónidas (21 de outubro), ou as Leónidas (17 de novembro), terán moita menos intensidade.

Planetas e eclipses

Os planetas Saturno e Xúpiter estarán visíbeis boa parte das noites de outono, en tanto que Mercurio poderá contemplarse a simple vista en boas condicións ao anoitecer en torno a mediados de novembro e ao amencer a finais da estación.

A eclipse anelar de Sol que terá lugar o 2 de outubro non será visíbel en Europa senón no Océano Pacífico e no cono sur de América do Sur. Porén, nos vindeiros anos imos ter unha secuencia inusual de eclipses solares, comezando co parcial do 29 de marzo de 2025, o total que se poderá ver desde o norte e leste da Galiza do 12 de agosto de 2026, o parcial do 2 de agosto de 2027 que será total  no sur do estado español, e o parcial do 26 de xaneiro de 2028, que se verá como anelar nunha franxa da Península Ibérica.