Absolto dun delito de odio o acusado de chamar "maricona de merda" a un veciño en Lobios

Sede da Audiencia de Ourense (Foto: Europa Press).
Foi no primeiro caso de odio xulgado polo Alto Tribunal ourensán, no que o Ministerio Público solicitaba nove meses de prisión.

A Audiencia de Ourense absolveu un home acusado dun delito de odio por atacar a dignidade persoal e a integridade moral dunha persoa ao empregar "condutas homófobas" por chamar "maricona de merda" a un veciño nun supermercado de Lobios (Baixa Limia).

A maxistratura, que ve un comentario "censurábel e moralmente reprobábel" mais non un delito, considera que "non hai delito de odio" e "tampouco delito contra a integridade moral", senón que existe "un feito puntual e illado censurábel" ocorrido "nun momento de nerviosismo". Por iso, non ven intención por parte do acusado de discriminar ao receptor do insulto pola súa condición sexual.

Na sentenza, así mesmo, sinala que non advirte ningunha circunstancia que permita inferir tal ánimo, xa que "o acusado nin sequera coñecía o denunciante" nin consta que noutro momento se dirixise a el mostrando "algún tipo de menosprezo" cara á súa persoa por motivo da súa orientación sexual.

O sucedido remóntase á tarde do 8 de febreiro do ano 2022 cando o acusado e o denunciante se atopaban na caixa dun supermercado do concello de Lobios. A vítima estaba a falar coa caixeira mentres introducía a súa compra nas bolsas e o acusado gardando cola, desde onde nun momento dixo "queres acabar xa, maricona de merda?", como el mesmo recoñeceu na súa declaración na Audiencia.

Durante o xuízo, decorrido a principios do mes de maio, a vítima asegurou que tras escoitar o comentario e terminar de gardar a súa compra foise cara ao seu coche sen reaccionar, mais escoitando máis insultos.

Segundo a súa versión, o home "non tivo suficiente" e engadiu frases como "que peste a porca, a ver se vos largades dunha vez". "Fun ao coche e el continuou increpándome, dicindo 'como apestades os maricas'. Sentinme ofendido e moi ferido", dixo entón o prexudicado.

Na Audiencia declararon as caixeiras do supermercado, así como unha clienta que tamén se atopaba na cola. As tres recoñeceron escoitar o "maricona de merda", mais non o resto de frases, polo que na sentenza non poden dar por confirmado este extremo.

Consideran que o ocorrido "encaixa cunha vexación inxusta", mais trátase dun delito que non está penalizado, polo que queda sen condena o que foi o primeiro caso de odio xulgado polo Alto Tribunal ourensán, no que o Ministerio Público solicitaba nove meses de prisión.