Xustiza

Absolven o acusado da morte de Nerea Añel malia o veredicto de culpabilidade do xurado popular

Sede da Audiencia Provincial de Ourense. (Foto: Europa Press).
O maxistrado estima que non hai probas abondas.

A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense absolveu dos delitos de homicidio consumado e de homicidio por comisión por omisión o único acusado da morte da ourensá Nerea Añel, a pesar do veredicto de culpabilidade emitido polo xurado popular, argumentando que os feitos probados non permiten incluír esta conduta nos tipos penais que se lle atribuían. 

En concreto, a sentenza apunta que as condutas consideradas probadas do acusado –que na altura, en xaneiro de 2020, era a parella de Nerea Añel–, segundo di o xurado popular no seu veredicto de culpabilidade, non poden incluírse no tipo penal de homicidio consumado nin no de homicidio por comisión por omisión que mantivo Fiscalía nas súas conclusións definitivas.

O xurado popular declarou o acusado culpábel de homicidio por omisión, a mesma pena que solicitaba a Fiscalía, por considerar que a muller con asistencia médica podería salvarse. A acusación particular, que representaba a nai da moza, reclamaba que o home fose condenado por homicidio. 

Agora, a Audiencia recoñece no veredicto que "non hai suficiente proba" de que a moza se puidese salvar, e que o procesado "non crea a situación de risco" previa ás lesións, dado que a caída da moza puido ser fortuíta. 

Por iso, os actos declarados non se incluirían no tipo penal de homicidio, di o maxistrado, que advirte de que o Ministerio Público "non interesou unha cualificación subsidiaria ou alternativa que configurara a conduta do acusado como autor dun delito de omisión do deber de socorro, polo que non se analiza a súa concorrencia".