Un campo de refuxiados e un valo como o de Melilla no centro da Coruña

Recreación do valo de Melilla no centro da Coruña. (Foto: Acampa)
O VII Encontro Internacional Acampa pola Paz inaugúrase esta sexta feira nos Xardíns de Méndez Núñez convidando a cidadanía a reflexionar sobre o odio e a convivencia nos nosos días.

O VII Encontro Internacional Acampa pola Paz inaugúrase esta sexta feira nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. Será nunha edición na que se convidará a cidadanía a reflexionar sobre o odio e a convivencia nos nosos días, pondo o foco no trato que reciben as persoas migrantes en lugares de tránsito como Melilla e o seu valo. Acampa recrea tamén os campamentos de persoas refuxiadas de Grecia e outros puntos de entrada á Unión Europea, así como a hostilidade á que deben facer fronte no seu día a día.

"De novo un campo simulado reproducirá o que acontece en tantos campos de persoas refuxiadas esparexidos polo mundo nos que o odio, moitas veces en forma de lume, arrasa coa esperanza das persoas máis vulnerábeis varadas nestes espazos sen dereitos e sen futuro", enfatizan desde a organización. Este ano, ademais, un valo como o que separa o Estado español de Marrocos en Melilla servirá para lembrar a traxedia do 24 de xuño de 2022, con 37 mortos.

Desde esta sexta feira e até o domingo, o VII Encontro Acampa pola Paz tentará concienciar a sociedade galega da dramática situación que tantas persoas migrantes padecen ao longo de todo o mundo. Para chamar á reflexión a entidade organizou unha serie de debates dos que participarán figuras de gran relevancia a nivel internacional como Pepe Mujica. O ex presidente uruguaio, vía streaming, compartirá mesa ás 19.30 horas de hoxe coa responsábel de Política Interior e investigadora de Amnistía Internacional, Virginia Álvarez, e o xornalista e alma máter do programa radiofónico Carne Cruda, Javier Gallego Crudo. O odio como estratexia política, o odio nos medios e as redes sociais e o odio e o retroceso dos dereitos humanos serán os temas a tratar neste encontro que poderá seguirse a través da canle de YouTube de Acampa.

Acampa recrea un campamento de persoas refuxiadas. (Foto: Acampa)

Ademais, fotoxornalistas galegos, doutros puntos do Estado español e de doutros países, como Óscar Corral, Xosé Abad, Javier Bernardo ou Hanna Jarzabek, prestarán as súas miradas "sobre o odio que medra e sobre os dereitos que minguan" por medio dunha exposición fotográfica que se inaugurará ás 11 horas e que poderá visitarse até o 10 de xullo.

Haberá tamén outros relatorios, obradoiros, programas de radio e música "nunha cita que converte un ano máis A Coruña en cidade refuxio", celebran desde Acampa, sobre un evento que conta con apoio do Concello e a Deputación da Coruña, entre outras institucións públicas e privadas.

"Cando nos dispersamos somos máis débiles. Cando nos dividimos perdemos capacidade de reacción e deixamos espazo para que o discurso de odio sexa a ferramenta máis eficaz coa que facer política, alcanzando a toda a sociedade", apuntan desde a organización.

Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio, que integra xa case 80 organizacións, naceu en 2016 cunha idea central, "a unidade de acción de organizacións e persoas que miran con tristeza, pero sen resignación, o retroceso dos Dereitos Humanos e o avance dunha intolerancia totalitarista que, con présa e sen pausa, vaise apoderando dos espazos de democracia, dos dereitos e das conquistas sociais e políticas, afogando o futuro da cidadanía".