Restabelecida a circulación na ponte de Rande tras un accidente múltiple que provocou quilómetros de atasco

Os vehículos sinistrados na ponte de Rande. (Foto: DXT)
Hai polo menos unha persoa ferida leve, pero todos os implicados están xa liberados e accesíbeis.

Un accidente múltiple ocorrido na ponte de Rande, con polo menos tres coches implicados e unha persoa ferida leve, provocou esta tarde varios quilómetros de retencións na autoestrada AP-9 en dirección Pontevedra. A circulación, porén, xa foi restabelecida.

Segundo informan fontes dos servizos de emerxencias citados pola axencia Europa Press, sucedeu contra as 15.25 horas desta quinta feira nun dos carrís centrais da ponte.

O sinistro, segundo indicaban varios particulares á central de emerxencias, produciuse por alcance. Hai polo menos unha persoa ferida leve, pero todos os implicados están xa liberados e accesíbeis.

No punto interveñen a Garda Civil de Tráfico, o servizo de mantemento da autoestrada e os efectivos de Urxencias Sanitarias-061 cunha ambulancia.

O operativo na ponte está a provocar un forte atasco na AP-9 en sentido Pontevedra na véspera do festivo do 17 de maio, Día das Letras Galegas. A retención chega case até a saída de Vigo.