Feridas catro persoas tras un accidente con sete vehículos implicados na Autovía do Barbanza

(Foto: Bombeiros de Boiro)

Un dos feridos foi atropelado ao baixar do seu coche para auxiliar a un condutor que se saíu da vía

Catro persoas resultaron feridas, unha delas atropelada, tras un accidente con sete vehículos implicados que obrigou a cortar a AG-11 á altura do quilómetro 14 en dirección ao municipio de Ribeira, na comarca do Barbanza, á altura de Rianxo.

O suceso produciuse ao fío das 9:30 horas deste sábado cando un turismo saíuse da vía e como consecuencia outro condutor se baixa para auxilialo e resulta atropelado por un terceiro vehículo.

Por mor diso, as colisións encadeáronse e implicaron a sete vehículos. Ademais, catro persoas resultaron feridas, unha delas a persoa atropelada, que foron trasladas en ambulancia ao Hospital de Santiago.

A autovía segue cortada en dirección a Ribeira e a Garda Civil atópase no punto para desviar o tráfico pola ligazón a Catoira.

Até o punto desprazouse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil, os Bombeiros de Boiro, Protección Civil de Rianxo e persoal de mantemento da vía.