As accións cotiás de concienciación ambiental

[Imaxe: Cedida] Unha tartaruga enganchada a un plástico no fondo do mar

O elevado consumo dos produtos plásticos é un dos principais problemas de contaminación aos que nos enfrentamos. En aras de reducir a polución e mellorar o hábitat terreste cómpre comezar a reducir a utilización deste material. Galiza tamén se sumou á iniciativa mundial #Refugallocero, que entre o 3 e o 9 de xuño empraza a evitar consumir plásticos e envases dun só uso. Hai quen, como a xornalista Silvia Cancela, estende a acción ao resto do ano.

Os efectos nocivos do cambio climático están cada día máis presentes nas preocupacións cidadás. Nestes últimos meses non son poucas as iniciativas de concienciación medioambiental xurdidas co obxectivo de tentar reducir o impacto contaminante que emitimos ao planeta, como os recentes “Venres polo futuro”.

Un dos temas medioambientais máis preocupantes é o elevado uso que se fai dos produtos plásticos. A maior parte da fabricación mundial deste material está destinado á elaboración de envases alimenticios dun só uso, dos cales en Europa só se chega a reciclar un 30%.

Segundo cifras dadas pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), cada ano envíanse máis de 8 millóns de toneladas aos mares e aos océanos, o que supón un 85% da contaminación por lixo mariño. Esta polución provoca a morte de 100.000 mamíferos mariños e un millón de aves cada ano.

Máis alá do reto viral

Coas miras nesta problemática, desenvólvese o reto internacional “Refugallo Cero”, impulsado polo movemento Zero Waste e secundado, a nivel nacional, por ADEGA. Un desafío viral que comezou a pasada terza feira e que durará até o domingo.

Esta iniciativa ten por obxectivo facer un boicot ao plástico, non consumindo ningún alimento nin produto envolto nese material. O fin é reducir o seu consumo e demostrar que a cidadanía pode levar unha vida sen utilizar este produto, cambiando pequenos hábitos.

Levar bolsas propias reutilizabéis e de material ecolóxico ao supermercado, substituír o uso das botellas e envases de plástico por vidro e rexeitar o uso de produtos plásticos dun só uso (como os bastóns de algodón, as palliñas e os platos, vasos e garfos de plástivos) son algunhas das pautas que se promoven desde o movemento.

Recomendacións para evitar o plástico

Unhas accións que, máis alá desta semana, se deben implantar na diaria vida cotiá como primeiro paso para concienciarse co proceso de reciclaxe, tal como fixo a xornalista Silvia Cancela. A súa loita medioambiental comezou con estas pautas “máis evidentes” e gradualmente foi “complicando” o proceso engadindo elementos como un cepillo de dentes de bambú, o xampú e o xabón en botella reciclada e mercando alimentos a granel.

A activista sempre estivo preocupada polos problemas medioambientais, non obstante, este nivel de implicación veu dado por un “enfado” cada vez máis profundo. Así pois, xunto coa súa parella, comezaron a poñerse máis estritos á hora de consumir, posto que “como persoas temos moito poder e non podemos esperar que os gobernos solucionen isto cando está claro que antepoñen outro tipo de intereses”.

Non terlle medo ao proceso e non tentar mudar todo desde un primeiro momento son os consellos que Cancela lles dá a todas aquelas persoas que estean comezando co proceso. E engade que, o máis difícil de ir a contracorrente é o prezo dos produtos e non as reaccións da xente, “mais a recompensa pode máis que os inconvenientes”.

Recomendacións para minimizar o uso dos plásticos

Á hora de facer a compra:

- Utilizar bolsas reutilizabéls de tea ou material vexetal para meter os alimentos.

- Evitar adquirir artigos con embalaxes plásticos e coller aqueles empaquetados en cartón ou vidro.

- Comprar comestibels a granel levando recipientes propios de cristal ou aceiro para almacenalos.

- Facer, en caso de ter tempo, produtos propios como xabón caseiro, zume natural, etc.

- Ignorar a sección de alimentos conxelados, pois estes utilizan bolsas de plástico ou, no caso das caixas de cartón, veñen recubertos no seu interior por este material.

- Rexeitar o uso dos líquidos almacenados en botellas de plástico. No caso da auga, beber a da billa purificada (mediante un filtro de arxila ou deixándoa un par de horas na neveira) ou comprala en envases de vidro.

Respecto aos produtos do fogar e de hixiene íntima

- Utilizar utensilios de cociña, pinzas da roupa, etc de madeira, aceiro ou bambú

- Substituír a cafeteira de cápsulas por unha antiga.

- Evitar o uso dos artigos refugados como as pallas, os vasos, os garfos, os coitelos e os pratos.

- Comprar deterxentes ecolóxicos, esponxas de fibra natural e produtos de limpeza feitos sen químicos e materiais plásticos.

- No caso de ter bebés, darlle o biberón en envases de vidro e usar cueiros de tea.

- Rexeitar o uso de coitelas de plástico, así como o uso de compresas e tampóns (en prol da copa menstrual)

- Utilizar un cepillo de dentes de bambú e fío dental de fibra natural.

- Reemprazar os bastóns para os oídos e os panos de algodón refugadas por toallas de algodón orgánico ou fibra de cáñamo.