Xustiza

Un ano de cárcere para un home que deixou morrer de fame cinco cans en Gondomar

Cidade da Xustiza de Vigo. (Foto: Rodrigo Paz)
O condenado non terá que ingresar en prisión sempre que non volva delinquir nos próximos dous anos, segundo o acordo alcanzado coa Fiscalía.

Un home aceptou esta quinta feira un ano de cárcere por deixar morrer de fame a cinco cans na localidade de Gondomar (comarca de Vigo), após abandonar a leira onde estaban, quedando os animais encerrados nun galpón.

Nunha vista de conformidade decorrida no Xulgado do Penal número 3 de Vigo, o acusado chegou a un acordo coa Fiscalía, que reduciu a pena solicitada de ano e medio a un ano de prisión. Ademais, foi condenado a tres anos de inhabilitación especial para exercicio de profesión, oficio ou comercio relacionado con animais, así como para a tenza dos mesmos.

Segundo o escrito de acusación do Ministerio público, foi en 2021 cando o procesado se fixo cargo dunha leira situada na parroquia de Donas, Gondomar, titularidade do seu irmán. A partir de entón, levou ao lugar cans e cabalos, aos que aos poucos deixou de alimentar.

Foi sobre febreiro de 2023 cando abandonou a leira, deixando encerrados os cinco cans nun dos galpóns que alí había, "sen auga nin comida e sen posibilidade de saír, a propósito de que en tales circunstancias os animais morrerían irremediabelmente, o que efectivamente sucedeu". A finais do mes de abril, un familiar acudiu ao lugar e atopou os restos dos animais.

Por todo iso, o home foi condenado esta quinta feira a un ano de cárcere por un delito continuado de malos tratos animais, sen que teña que ingresar en prisión sempre que non volva delinquir nos próximos dous anos, segundo o acordo alcanzado coa Fiscalía.