Xustiza

Dous anos de cárcere para un home por un delito continuado de agresión sexual a unha menor

Cidade da Xustiza de Vigo. (Foto: Rodrigo Paz)
O condenado tamén deberá pagar á vítima unha indemnización de 6.000 euros por dano moral.

Un home acusado de cometer un delito continuado de agresión sexual a unha menor aceptou esta terza feira unha pena de 2 anos de cárcere, após un acordo de conformidade nunha vista decorrida na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, que tivo lugar a porta fechada.

A Fiscalía pedía inicialmente a pena de 4 anos e medio de prisión, ademais dunha indemnización de 17.000 euros para a vítima —que coñecía o acusado—, como autor dun delito continuado de agresión sexual, por uns feitos que tiveron lugar en novembro de 2021.

Finalmente, logo do acordo, o procesado aceptou 2 anos de cárcere e o pagamento dunha indemnización de 6.000 euros por dano moral. A maiores, a Audiencia impúxolle a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima por calquera medio durante un período de 3 anos.