Achan ósos humanos nunha leira de Soutomaior que pertencerían a unha muller desaparecida en 2021

Vista aérea do concello de Soutomaior. (Foto: Arousa vía Adobe Stock)
Os restos humanos corresponderían a Manuela Barbosa Sousa, desaparecida hai tres anos en Redondela.

Un operario que estaba a rozar unha leira da parroquia de Arcade, en Soutomaior (comarca de Vigo), achou na tarde desta pasada terza feira varios ósos humanos mentres cortaba a maleza. Uns ósos que poderían pertencer a unha muller de 66 anos desaparecida en 2021.

Segundo informou o subdelegado do Goberno estatal en Pontevedra, Abel Losada, os feitos ocorreron no barrio do Conde, onde o home atopou os ósos mentres realizaba unha limpeza da leira, que nos últimos anos estivo cuberta de abondosa maleza, "o que contribuíu a que non se localizase antes o cadáver".

A pesar de pedir a "máxima prudencia", xa que a investigación continúa aberta, Losada dixo que "todo indica" a que os restos humanos corresponderían a Manuela Barbosa Sousa, unha muller desaparecida en Redondela (comarca de Vigo) en xullo de 2021.

Tal e como lembrou, a muller saíra da súa casa, situada en Redondela, para visitar a súa filla en Arcade, pero nunca chegou ao seu destino. Agora os ósos apareceron a 200 metros do domicilio da filla. Ademais, na zona atopouse a carteira de Manuela, que contiña varias fotos súas, así como efectos persoais, incluíndo xoias.

Ao lugar acudiron persoal do laboratorio de criminalística da policía xudicial da Garda Civil e as autoridades xudiciais, así como os servizos especializados da propia Garda Civil.

"Agora trátase de esperar a análise dos ósos e outros restos biolóxicos para tratar de confirmar a identidade e así poder fechar o caso pola desaparición desta persoa", sentenciou Losada.