Achan unha serpe de metro e medio de lonxitude no patio dun colexio de Mondoñedo

A serpe atopada no patio do colexio. (Foto: Garda Civil)
Tras certificar o bo estado do animal, foi liberado nas inmediacións do Masma.

Susto de consideración o que levou esta terza feira o alumnado dun colexio de Mondoñedo (A Mariña) por mor dunha visitante inesperada. Unha serpe de perto de metro e medio de lonxitude irrompeu no patio do recinto escolar, ao carón dun muro, onde foi localizada por algúns escolares.

Inmediatamente, a Dirección do centro educativo alertou do suceso dando aviso á Garda Civil para solicitar a retirada deste réptil (natrix maura).

"Dada a alarma que a presenza do réptil ocasionou, nun momento no que a maior parte do alumnado estaba no patio, procedeuse á retirada inminente do animal por parte dos axentes, quen nun primeiro momento trasladárona para o seu exame e posteriormente liberárona no seu hábitat natural", indican fontes da Garda Civil.

En concreto, e tras certificar o bo estado do animal por parte do persoal de medio ambiente da Xunta da Galiza, foi liberada nas inmediacións do Masma.