Activada a prealerta por seca na contorna de Pontevedra ao descender o caudal do río Lérez

O río Lérez ao seu paso por Pontevedra. (Foto: Europa Press)
A pesar da activación da prealerta, a Xunta explica que non se advirte "unha situación de seca prolongada en ningunha das concas da demarcación hidrográfica de Galiza-Costa", nin tampouco na do Lérez.

A Oficina Técnica da Seca da Xunta da Galiza acordou esta cuarta feira activar a prealerta por escaseza de auga na cidade de Pontevedra e outra ducia de concellos da zona, despois de que se detectase, desde mediados de xullo, un descenso do caudal do río Lérez. A isto engádese o aumento da poboación durante os meses de verán nestes municipios. Os afectados son Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, Marín, Meaño, Moraña, Pontevedra, Poio, Ponte Caldelas e Sanxenxo—.

Esta situación non implica directamente restricións no uso da auga, senón recomendacións e unha realización, por parte das institucións, dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveis de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galiza-Costa, así como das posíbeis incidencias que se detecten. Iso si, os concellos están facultados para tomar as medidas que consideren necesarias, dentro das súas competencias.

A Oficina Técnica da Seca da Xunta suxire á poboación que empregue a auga dunha forma máis responsábel e que evite actividades que máis consomen, como encher piscinas e regar con auga potábel. Ademais, pide que manteñan "boas prácticas" no fogar, como ducharse no canto de bañarse, utilizar a función 'eco' dos electrodomésticos e evitar o dispendio.

Do mesmo modo, recomenda aos concellos que minimicen os consumos de augas municipais non esenciais, como baldeos, regadíos de parques e xardíns, e duchas de auga potábel nas praias. Nesta liña, tal e como estabelece o plan de seca da Demarcación Galiza-Costa, Augas da Galiza informará por escrito desta declaración de prealerta aos alcaldes dos municipios incluídos na unidade territorial do Lérez.

Tamén trasladará na comunicación aos concellos as medidas que propón adoptar neste estado de prealerta, entre as que que se inclúe o incremento da frecuencia do control e vixilancia dos indicadores e o intercambio e actualización de información da evolución dos caudais.

Medidas a nivel local

Así mesmo, incidirase en medidas de concienciación sobre a escaseza e a necesidade de aforro a través de campañas e bandos municipais, e a Xunta solicita a implicación dos concellos para fixar as medidas que consideren apropiadas no marco das súas competencias. Neste sentido, pedirá aos gobernos locais que anticipen que medidas consideran oportunas no caso de que a situación véxase agravada e que comuniquen a Augas da Galiza calquera incidencia que se produza.

A pesar da activación da prealerta, a Xunta explica que non se advirte "unha situación de seca prolongada en ningunha das concas da demarcación hidrográfica de Galiza-Costa", nin tampouco na do Lérez. Sobre as restantes, o organismo asegura que están "en situación de normalidade". De feito, a ocupación actual dos encoros de abastecemento en Galiza-Costa é de perto de 86%, máis de tres puntos por riba da media nos últimos anos (82,7%).