VÍDEO | Un incendio que afecta unhas 20 hectáreas na Gudiña obriga a cortar a N-525

Incendio na Gudiña. (Foto: Brif Laza)
O fogo orixinouse ao redor das 17.34 horas na parroquia de Pentes e agora mesmo afecta unha zona entre San Lázaro e Erosa.

A Consellaría do Medio Rural informou dun incendio forestal activo no municipio da Gudiña (Viana), que afecta polo momento a unhas 20 hectáreas. O fogo orixinouse ao redor das 17.34 horas na parroquia de Pentes e agora mesmo afecta unha zona entre San Lázaro e Erosa.

Para o seu control mobilizáronse seis técnicos, cinco axentes, 11 brigadas, cinco motobombas, dúas pas, oito avións e oito helicópteros. O alcalde da Gudiña, Néstor Ogando, mostrouse confiado no rápido control do incendio por parte dos medios desprazados.

De feito, sinalou que a zona lateral xa está acoutada e que falta a cabeza, a zona que podería presentar máis perigo pola súa maior proximidade a núcleos poboados. Con todo, o alcalde insistiu na boa evolución do dispositivo de extinción do incendio.

Cortada a N-525

O incendio, que xa levaba arrasadas un mínimo de 20 hectáreas unha hora e media despois do seu inicio, obrigou a cortar a estrada N-525 no quilómetro 138. Os vehículos estanse desviando pola autoestrada A-52.

A Consellaría do Medio Rural lembra que está ao dispor da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que se debe chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.