Activos dous incendios forestais en Compostela e Quiroga

Brigadistas xunto ao incendio de Compostela (Arxina).

Dous incendios forestais atópanse activos nos municipios de Santiago de Compostela e Quiroga, nunha xornada na que existe un alto risco de incendio en boa parte da Galiza.

No caso de Compostela, o incendio atópase próximo a unha zona habitada e ás inmediacións do hospital Clínico, na parroquia de San Paio. O lume, segundo Medio Rural, comezou ás 16.40. Segundo a Consellaría, "non hai perigo para as casas". 

Nas tarefas de extinción participan un avión e catro helicópteros, que na tarde da sexta feira sobrevoaron a cidade, sete brigadas, catro motobombas e un axente. Cando a extensión do lume chegaba ás 5 hectáreas, a velocidade do vento era de 23 quilómetros a hora, con refachos de 46 quilómetros por hora, unha humidade relativa do 54% e unha temperatura de 23 graos centígrados.

A respecto do incendio de Quiroga, declarouse ás 17.16 horas na parroquia de Vilar de Tor. Traballan alí dous helicópteros, un avión, oito brigadas, catro motobombas e dous axentes.