Activos dous incendios forestais na Paradanta e na Baixa Limia: o fogo xa consumiu 280 hectáreas

Brigadas contra incendios desprazadas a Entrimo (Baixa Limia) para combater o fogo. (Foto: @BrifLaza)
Un fogo, iniciado en Portugal, queimou unhas 180 hectáreas no parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés, no concello de Entrimo.

A Consellería do Medio Rural elevou até as 180 hectáreas a superficie queimada, de maneira provisional, polo incendio forestal declarado no concello de Entrimo (Baixa Limia), que na tarde desta cuarta feira entrou na Galicia procedente de Portugal.

O incendio está a danar o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Cruzou a fronteira por Castro Laboreiro e afecta a parroquia de Venceáns, tras arrasar máis de 1.000 hectáreas en territorio luso.

O lume orixinouse sobre as 20.30 horas da pasada terza feira en Portugal e adquiriu unha gran virulencia a causa do vento. Segunda informa o Goberno galego os medios do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais da Xunta da Galiza estiveron a colaborar coas brigadas portuguesas e traballando na zona fronteiriza desde o primeiro momento. A pesar dos esforzos, finalmente, o fogo entrou na Galicia contra as 17 horas desta cuarta feira, pola parroquia de Venceáns.

Até agora foron mobilizados 17 axentes, 30 brigadas, 14 motobombas, tres pas, catro técnicos, seis avións e sete helicópteros para loitar contra as chamas. De acordo co relato dos profesionais desprazados a Entrimo, o control do incendio durante a noite foi "complicado" pola orografía do terreo, que dificulta o acceso e pola intensidade do vento.

A Paradanta

Por outra parte a Consellaría de Medio Rural confirma que segue activo outro incendio forestal no concello de Crecente (A Paradanta), concretamente na parroquia de Filgueira.

Un equipo de bombeiros durante os traballos de extinción do fogo en Crecente (A Paradanta) esta cuarta feira. (Foto: Adrián Irago / Europa Press).

O fogo xa calcinou mais de 100 hectáreas, segundo a última actualización, e obrigou a decretar a Situación 2 durante a noite como medida preventiva pola proximidade do lume a dous núcleos de poboación, os de Ameixeira e Os Reinaldos.

Ante a ameaza das lapas, unha vintena de veciñas e veciños foron desaloxados das súas casas e pasaron a noite nunha residencia próxima da localidade. Para a estabilización do lume, mobilizáronse até o momento dous técnicos, nove axentes, 21 brigadas, 15 motobomas e tres pas, precisaron desde Medio Rural.

O alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, elevou a cifra de hectáreas arrasadas polo lume a case 150 nunha zona de monte con eucaliptos e piñeiros. En declaracións a Europa Press apuntou a un feito intencional por parte de unha persona ou varias persoas que tiñan "controlada" a zona e coñecíana ben.