Acusan a Xunta de querer “facer un lavado de cara” ante o colectivo LGBT+

(Foto: Nós Diario)

Avante LGBT+ insta o Goberno galego a se deixar de “accións estéticas” e avanzar en “medidas reais”.

Avante LGBT+ compareceu esta sexta feira, Día Internacional do Orgullo LGBT, ante o Parlamento da Galiza para criticar o “intento de lavado de cara” da Xunta da Galiza de cara a este colectivo a través de “accións estéticas”. Este ano a Xunta da Galiza, inciden, "organiza con motivo do Orgullo LGBT+ unha exposición con paneis informativos sobre as organizacións LGBT+ que están representadas no Observatorio Galego contra a Discriminación pola Orientación Sexual ou Identidade de Xënero". “Negámonos a ser utilizados por un partido que sempre se opuxo aos nosos dereitos”, manifestou Estrela García, da Coordinadora Nacional de Avante LGBT+

“O PP recorta en servizos públicos, nos centros Quérote, suprime a Secretaría Xeral de Igualdade” mais quere dar a impresión de que está a carón do colectivo LGTB+, critica esta entidade. Para ela, se o Goberno galego quer ser sincero no seu apoio a este colectivo, debería de “empezar” por asumir e cumprir unha serie de demandas, que resumiron en 11 puntos.

Entre eles, o desenvolvemento e aplicación “real” da lei pola igualdade de trato e non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais na Galiza. “Hai unha década desta lei e continúa sen se cumprir”, lamentou García, que demandou a necesidade de avanzar en cuestións como o “acceso en igualdade” na sanidade.

A dotación de “contido e competencias” ao Observatorio LGBTI+ ou as campañas de formación para persoal son outras das demandas realizadas á Xunta da Galiza; así como financiamento para accións en prol das persoas LGBT+ no marco asociativo. Neste punto, tamén propoñen que se exclúa de axudas e subvencións a aqueles colectivos !que atenten” contra este colectivo.

Tamén se demanda a adopción de medidas contra a exclusión social de persoas do colectivo, a restitución da Secretaría Xeral de Igualdade, ou a creación de servizos de atención LGBT+ especializados a nivel comarcal.

Noutra orde, a “democratización” da CRTVG (“ë máis doado que os nosos actos saian en televisións privadas españolas que na televisión publica galega”), unha maior aposta pola vivenda pública ou a paralización do proxecto de Altri tamén figuran nesa táboa reivindicativa.

"O traballo que facemos desde as asociacións LGBT+ galegas supón un parche que tenta cubrir as carencias da nosa Administración pública, dar cobertura de maneira precaria ás necesidades do colectivo que deberían estar garantidas polo noso Goberno", apuntan desde esta asociación.