Xustiza

O acusado de asasinar a súa veciña en Vigo confesa que a matou: "Fóiseme das mans"

Pablo P.V., acusado de asasinar a súa veciña na rúa Zamora de Vigo en outubro de 2022. (Foto: Europa Press)
Cando chegou a Policía e o acusado saíu da casa, esta testemuña asegura que se presentou ante os axentes cunha man chea de sangue e, "chupándoo", dixo: "Está morta".

O home acusado de asasinar a súa veciña na rúa Zamora de Vigo, Pablo P.V., recoñeceu aos axentes que acudiron ao lugar dos feitos que a matara: "Fóiseme das mans". Así o declararon os catro axentes de Policía Nacional que compareceron esta terza feira en calidade de testemuñas no xuízo que se iniciou por estes feitos, na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo.

Os catro funcionarios coincidiron en sinalar que, á súa chegada ao lugar do crime, nun edificio da rúa Zamora, atoparon a porta da vivenda do acusado fechada e foron os veciños quen informaron de que pasara algo entre el e a vítima, que vivía no mesmo rellano. A porta da vivenda da muller estaba arrimada e víase unha das súas zapatillas no chan, mentres as chaves aínda estaban postas na fechadura. Cando os axentes se dirixían ao piso dela, o acusado saíu da súa vivenda.

Segundo un dos axentes, ía vestido con chaqueta e dispúñase a fechar a súa porta "para marchar". Nese momento, un policía preguntoulle que ocorrera, pero o acusado gardou silencio; foi ao repreguntarlle cando se expresou espontaneamente. "Dixo que estaba morta, que a matou, que se lle fora das mans", indicaron as testemuñas policiais. Tamén explicaron que o home presentaba manchas de sangue nas mans e tamén na comisura dos beizos, polo que procederon á súa detención e ao seu traslado a un centro médico —por un corte nun dedo— antes de levalo a comisaría.

Foi no PAC da rúa Pizarro cando, mentres esperaban a que o detido fose atendido, Pablo P.V. relatou aos axentes a súa versión dos feitos. Segundo explicaron os policías ante o tribunal, o acusado explicoulles que tiña mala relación coa muller polos ruídos que ela causaba, e que esa tarde tiveran unha rifa no portal na que "ela o mandou á merda".

"Dixo que iso lle sentou mal, e que por iso a matou", explicou un dos policías. Aliás, outro axente afirmou que, no seu relato, o acusado recoñeceu que, despois dese encontro, subiu á súa casa e alí "esperou a que ela subise co coitelo", porque a muller saíra a botar o lixo.

Os policías tamén coincidiron na súa declaración sobre a actitude do acusado cando explicou os feitos. Así, apuntaron que estaba "tranquilo" e "orientado", "consciente do que sucedera". De feito, unha das testemuñas matizou que lle sorprendeu a "serenidade" do home, e que en ningún momento, mostrou "arrepentimento". "Creo que el sabía o que pasara", dixo.

Berros de auxilio

Esta terza feira tamén declararon os veciños e veciñas das portas contiguas ás de vítima e acusado. Unha delas explicou que escoitou os berros dela "pedindo auxilio e socorro" e, a continuación, un golpe, "como de alguén caendo ao chan". Cando chegou a Policía e o acusado saíu da casa, esta testemuña asegurou que se presentou ante os axentes cunha man ensanguentada e "chupando o sangue", mentres dicía: "Está morta".

O resto de veciños que compareceron ante o tribunal tamén explicaron que escoitaron os berros de socorro e que, cando saíron das súas vivendas, observaron que a porta da veciña tiña as chaves postas e "en movemento", á vez que percibiron como o acusado entraba no seu piso e fechaba a porta. Tamén declarou como testemuña a presidenta da Comunidade de Veciños, que recoñeceu que existían queixas do acusado contra a vítima polos ruídos, aínda que afirmou que "había queixas de todos os veciños contra todos", porque se trata dun "edificio conflitivo".

A Fiscalía pide para o acusado 18 anos de cárcere por asasinato, mentres a acusación particular eleva a petición a 25 anos. O xuízo renovarase esta cuarta feira, xornada na que está prevista a declaración de peritos e a presentación de informes finais.