Acusan o Sergas de xustificar a "externalización de atención temperá" pola "falta de profesionais"

Exterior do Hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo (Foto: Nós Diario).

O sindicato Satse estima que a Administración sanitaria derivará "a doentes a centros externos, aos que pagará 700.000 euros anuais".

O Sindicato de Enfermería (Satse) lamentou hoxe que o Sergas "trate de xustificar a  externalización de atención temperá, rehabilitación infantil e logopedia" a entidades privadas na área de Vigo "por falta de profesionais".

Así o destacou a través dun comunicado de prensa no que critica que "o Sergas non atope outra opción que asinar concertos con empresas privadas para a atención temperá, rehabilitación infantil e logopedia na área sanitaria de Vigo, e así derivar a pacientes a centros externos aos que pagará 700.000 euros anuais".

Para Satse isto implica "dúas cuestións preocupantes". Por unha banda, apunta que "no canto de asumir a responsabilidade de dotar estes servizos con persoal suficiente para cubrir as necesidades dos nenos e nenas da área sanitaria de Vigo con listas de espera de até dous anos, prefiren deixalos en mans de empresas privadas".

O Sindicato de Enfermería asegura que non comparte, nin comprende, que o Sergas basee a súa decisión "na falta de profesionais". En canto aos recursos humanos, destaca Satse que "existen profesionais de todas as categorías para cubrir as necesidades da área, mesmo coa especialidade de Atención Temperá nas súas listas de contratación temporal", polo que considera que "é máis unha cuestión de vontade de contratación ou procura activa de profesionais cualificados para cubrir o servizo".

"Os recursos materiais para incrementar estes servizos no Sergas serían simplemente o espazo físico con salas e despachos para realizar as sesións e algún material básico de estimulación e rehabilitación que non sería moi custoso", destacou.

"Polos datos que se publicaron, o Sergas fala do custo por sesións grupais", sinala Satse, que se pregunta "a que tipo de pacientes refírense". "En atención temperá e rehabilitación infantil non sería posíbel facelas grupais, xa que precisan un tratamento individualizado polas diferentes características e necesidades especiais de cada crianza", puntualiza.

"Pensando nos doentes de logopedia adultos tampouco serían factíbeis nin desexábeis sesións grupais, xa que o tratamento de problemas de  deglución como disfaxias -ou en caso de afasias ou disfasias tras ictus- necesitan unha rehabilitación específica e individualizada pola súa complexidade, sendo un tratamento grupal inviábel", explica Satse.

"Isto supón unha grave discriminación, xa que segundo os principios de Atención Temperá debe ser gratuíta, universal e individualizada. Satse reprocha que "o Sergas estaría a dar por feito que estas terapias especializadas sairíanlle moito máis baratas se fosen externalizadas, cando non tería por que ser así". "En consecuencia, o que pasaría é que os centros que leven o contrato serían aqueles que poidan facer a mellor oferta, paguen o mínimo aos seus traballadores e traballadoras, que estarán menos especializadas, onde se darán poucos minutos de terapia para que o contrato co Sergas sálgalle rendíbel, pero influíndo na baixa calidade da intervención", conclúe.