SOS Sanidade pública péchase no Xeral de Vigo para reclamar ''o rescate público'' do novo hospital

A candidata nacionalista, Carme Adán, participou no peche
Ducias de persoas realizaron un peche simbólico no hospital Xeral de Vigo. Carme Adán, candidata do BNG por Pontevedra, participou nel e fixo un chamamento á cidadanía a secundar a manifestación prevista para esta tarde.

Ducias de persoas vinculadas a SOS Sanidade pública protagonizaron esta cuarta feira un peche no Hospital Xeral de Vigo como preámbulo da mobilización que terá lugar na cidade olívica ás oito do serán. Da acción reivindicativa fixo parte Carme Adán, candidata número 2 do BNG por Pontevedra, quen recalcou a exixencia de que a Xunta "rescate para o público" a construción do novo hospital e fixo "un chamamento a todos os vigueses e viguesas" para se botaren á rúa. A reclamación da formación frontista é partillada pola plataforma cidadá e pola Xunta de persoal da área sanitaria de Vigo. 

A construción do novo complexo hospitalario de Vigo está paralizada e o seu custo multiplicouse por sete após deixar a Xunta que empresas construtoras e financeiras achegasen o financiamento necesario. O contrato, tal e como denuncian na plataforma, "foi vulnerado para beneficiar as empresas", reducindo o número de camas das 1.490 iniciais até as 900 actuais "e que Povisa manteña a súa posición". O aforro no gasto polos servizos contratados será do 30%, mais as empresas cobrarán en virtude do proxecto inicial.

A información referida "á fraude" que supuxo a adxudicación das obras do hospital, abrindo as portas ao capital privado, foi trasladada por Adán e integrantes de SOS Sanidade pública á entrada do Xeral cun reparto de voandeiras que se repetirá ás cinco do serán diante das consultas externas do edificio sanitario, e en que participará o candidato do BNG á Xunta, Francisco Jorquera.

Peche de doce horas no Hospital da Costa
En Burela, a Xunta de persoal da área sanitaria da Mariña convocou tamén un peche de doce horas no Hospital da Costa en sinal de protesta "polo ataque despiadado" ás condicións d@s traballador@s e o "desmantelamento" da sanidade pública que asinan os gobernos do PP na Galiza e no estado.