Adega acusa Medio Rural de permitir a destrución nun espazo da Rede Natura: a Devesa do Lusío, en Samos

(Foto: Adega)

A organización ecoloxista anuncia que acudirá á fiscalía se a Xunta non paraliza de inmediato a corta.

Adega responsabiliza a Consellaría de Medio Rural da “destrución” da Devesa do Lusío, en Samos (Sarria) e anuncia que acudirá á xustiza de se Zunta non paraliza “de inmediato” a corta nese lugar.

“Hai unha semana, persoas que estaban a facer o Camiño de Santiago contactaron con Adega para denunciar a corta a feito de arborado autóctono na contorna do albergue da Casa Forte do Lusío en Samos”, indica a asociación nun comnicado.

Ao comprobar que se trataba da emblemática devesa do Lusío, ”un espazo de grande valor ambiental incluído en Rede Natura 2000”, por onde transcorre o río Ferreira e o Camiño de Santiago, Adega “presentou denuncia perante o Seprona, a Xefatura Territorial de Medio Rural en Lugo, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural e a Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS)”. 

A raíz da denuncia presentada, di este clectivo, “fomos coñecedoras a través dunha comunicación de Medio Rural e do Seprona, que o Mosteiro de Samos, propietario dos terreos, e a empresa Forcons Noroeste SL contaban con autorización para realizar unha entresaca de arborado autóctono na devesa, con informes favorábeis de Patrimonio Cultural e Patrimonio Natural”.

Porén, prosegue, “nesa mesma comunicación indícase que o Mosteiro de Samos non está cumprindo cos condicionantes impostos na autorización de Medio Rural, por canto está afectando ao dobre do que foi autorizado, estanse abrindo vías de saca non permitidas, e estase facendo unha corta a feito e non unha entresaca. Ademais, sinálase que estes traballos non están sendo supervisados por ningunha persoa técnica en arqueoloxía”. 

Adega afirma que, unha vez coñecida esta información, comprobou in situ que os traballos de corta continuaban, polo que reiterou a denuncia perante o Seprona e Medio Rural. “Para a nosa sorpresa, o Seprona confírmanos que polo de agora non recibiran ningunha orde de paralizar a corta na Devesa do Lusío, polo que segundo a súa versión, non puido facer efectiva nin executar a devandita orde de paralización”.

“Non é a primeira vez que esta fraga está ameazada. Hai un ano, Adega advertía a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e á Dirección Xeral de Patrimonio Natural que había indicios dunha corta que podería causar danos ambientais irreparábeis sobre hábitats e especies da Directiva 92/43 CEE, xa que os terreos nos que se ubica a Casa Grande de Lusío están incluídos na Rede Natura 2000 e fan parte da ZEC Ancares-Courel. Asemade, a traza histórica do Camiño de Santiago (Camiño Francés) discorre perto das localizacións das cortas”.

Dende Adega demandan a inmediata execución da suspensión dos traballos de corta, “e en especial urximos á actuación da Consellería de Medio Rural para que mande executar a orde de paralización e abra o correspondente expediente sancionador, tendo en conta que tanto a empresa como as persoas propietarias dos terreos incumpriron deliberadamente a súa orde de paralización”.