Adega afirma que os incendios “máis perigosos inícianse nos despachos”

Plantación simbólica de eucaliptos no Obradoiro (Compostela) para denunciar a "eucaliptización" do país.

Móstrase “indignada” pola “incompetencia” da Xunta e pon sobre a mesa as 10 medidas urxentes do Comité en defensa do monte galego para loitar “eficazmente” contra os lumes.

Adega, Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza, sinala a “incompetencia” da Xunta como un dos motivos da vaga de incendios que estes días asola o noso país. Para o colectivo, o actual goberno galego non só non implementa medidas dirixidas a poñer fin ás causas estruturais que subxacen nos incendios forestais senón todo o contrario. Adopta ese executivo, afirma Adega, medidas como Lei de Montes galega e estatal que permite recualificar terreos queimados, Plano Forestal, Lei de Depredación, Decreto do Eucalipto, Biomasa e cultivos enerxéticos... Todo “para seguir permitindo o deterioro do mundo rural abocado ao abandono, a eucaliptización e o lume”.

 

Nula política de prevención, recurtes, menos franxas de protección, forestación de terras agrarias, cultivos enerxéticos, e un “modelo forestal baseado nos monocultivos de pirófitas é un importante factor estrutural directamente relacionado coa problemática dos incendios forestais”. Todo isto favorece o lume, sosteñen.

 

“Dende 1988 até hoxe en Galiza, e segundo datos oficiais, téñense producido máis de 100.000 incendios forestais que queimaron máis de 500.000 hectáreas de monte, das que preto de 200.000 eran de arboredo”.  En Galiza, con 7,7 % da superficie forestal estatal, acontecen 45% de todos os incendios.

 

Dez medidas

 

Adega lembra as 10 medidas de país contra a desfeita, propostas polo Comité en Defensa do monte galego. Entre elas, un novo ordenamento territorial, unha nova política forestal que promova a multifuncionalidade do monte ou un novo Plano Forestal que contemple os montes como algo máis que subministradores de madeira barata.

 

Incrementar os esforzos e os investimentos en prevención, planificar e desenvolver programas de rexeneración hidrolóxico-forestal nos montes queimados para evitar a perda de solo e a erosión, prohibindo a mudanza de usos e a especulación nestes terreos, son outras das propostas. Así como promover o incremento dos montes públicos e reforzar o papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común e a profesionalizar os equipos de prevención, detección, extinción e rexeneración nos incendios