Adega sobre Alcoa: oportunidade para un modelo industrial “máis sustentábel” para A Mariña e Galiza

Instalacións de Alcoa en San Cibrao (Cervo).

A asociación presenta o informe ‘5 verdades e 5 mentiras sobre Alcoa’ e insta a que o debate debe centrarse en procurar unha solución “para A Mariña” e non para a empresa.

A Asociación ecolóxica para a defensa da Galiza (Adega) elaborou o informe ‘5 verdades e 5 mentiras sobre Alcoa’ para argumentar o posicionamento desta organización ambientalista no debate aberto a raíz do anuncio da multinacional de despedir 534 traballadores e traballadoras e o feche que iso implica.

Para Adega, o debate ten que ter como finalidade centrarse en procurar unha “solución” para A Mariña e non tanto unha “solución” para Alcoa. Unha alternativa “económica social e ambiental” para esta comarca do norte galego fronte a unha empresa, indican, cuxa marcha “non ten volta atrás”.

As ecoloxistas demandan unha “solución inmediata” os traballadores e traballadoras cos seus empregos ameazados. Instan a que a empresa pague a súa “débeda ecolóxica”, tanto a nivel de consumo eléctrico, como contaminación atmosférica, verteduras ao mar ou a “ocupación dunha superficie de 73Ha con máis de 41 Hm3 de lamas vermellas, para as cales a día de hoxe aínda non hai solución”.

Ao tempo, Adega convida a avaliar e reflexionar sobre “cales son as potencialidades do sector do aluminio na Mariña máis alá do actual sistema de produción [...]. Coidamos necesario que se estuden alternativas de produción ligadas á reciclaxe do aluminio máis acordes a un modelo de industrial sustentable e xerador de postos de traballo. Resulta paradoxal que mentres en Lugo e en Galiza cargamos cos custes ambientais e sociais da produción do aluminio, noutros lugares do Estado estean a promover plantas de reciclaxe do metal”.

Adega insta a Xunta e “a todas as institucións e forzas galegas”  a aposta por a medio e longo prazo por “abandonar as actuais propostas de reforzo dos sectores electrointensivos (de elevado impacto ambiental e en emisións contaminantes) para pór sobre a mesa o desenvolvemento dun novo modelo industrial e económico máis sustentábel”.

Adega sinala que “unha das principais falacias nas que caeu o debate social sobre a situación de Alcoa é a de situar as razóns do peche da factoría de San Cibrao na carestía do prezo da luz eléctrica no Estado español e na falta fun estatuto para industrias electrointensivas. Nada máis lonxe da realidade. Malia que este argumento lle serviu á Alcoa para obter axudas públicas multimillonarias na última década, agora xa non repara en recoñecer que o prezo da luz nada ten que ver coa súa marcha”.