Adega busca fondos para frear o proxecto eólico Estivada en Antas de Ulla e Agolada

Aeroxeradores no parque eólico de Sil e Meda, en Esgos, comarca de Ourense. (Fotos: Agostime / Europa Press)
A campaña #TiPodesParalos de Adega ten como obxectivo recadar os fondos necesarios para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico "depredador e insustentábel promovido pola Xunta da Galiza".

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) Adega chama á colaboración da cidadanía a través da campaña de doazóns #TiPodesParalos para emprender accións xudiciais contra un novo proxecto eólico autorizado: Estivada, nos concellos de Antas de Ulla e Agolada.

A campaña #TiPodesParalos ten como obxectivo recadar os fondos necesarios para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico "depredador e insustentábel promovido pola Xunta da Galiza".

Moi próximo á Serra do Careón

O parque eólico Estivada, promovido por Green Capital Power, proxecta un total de oito aeroxeradores de 200 metros de altura no centro xeográfico da Galiza, en montes próximos á Serra do Careón, un espazo natural protexido como Rede Natura.

Este proxecto ocupará terreos da comunidade veciñal de montes en man común de Ramil, Outeiro e Basadroa, e prevese que teña un “efecto moi negativo nas nacentes do Ulla”.

A pouca distancia atópase o Camiño de Santiago ou as torrentes do Mácara e Ramil, e o “propio monte no cal se instarán os muíños ofrece vestixios de acoller un interesante campo de mámoas e petróglifos”. A Eira da Xoana, centro de recuperación de saberes populares de Adega, tamén se localiza ao carón da poligonal eólica polo lado Norte.

A riqueza patrimonial e natural da zona, ademais da posíbel fragmentación artificiosa co Parque eólico Zamorra, leva a Adega a impulsar esta campaña de recadación colectiva cun obxectivo mínimo de 6.500 euros, estabelecido en dous retos correspondentes ás distintas fases de acción xurídica: en primeiro lugar, a presentación por parte de Adega do recurso de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental; e en segundo termo, a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), así como a solicitude de paralización cautelar.

A campaña #TiPodesParalos recadou até o momento máis de 167.000 euros entre o fondo común e todos os desafíos activos para cada parque eólico. Os últimos en superar os seus obxectivos de recadación mínimos para poderen ser recorridos nos tribunais foron os proxectos Xeada e Orballeira, que xunto con Neboada, forman un macroproxecto eólico nas Serras do Courel e Valdeorras. Con eles, xa son un total de 21 os parques eólicos que Adega recorrerá vía contencioso-administrativa no TSXG. A asociación ambientalista agradece estes logros a toda a poboación comprometida coa campaña.

Ao mesmo tempo, Adega chama a facer un último esforzo para conseguir os fondos necesarios para poder impugnar tamén os parques Chao do Marco, Serra do Furco e Reboiro nos Ancares, e Fial das Corzas no Mazico Central ourensán, para os que o prazo está a piques de vencer.